O Centro Tecnolóxico do Mar organiza un seminario sobre os avances no desenvolvemento de fármacos de orixe mariña contra a covid-19 e o cancro

A directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda, será a encargada de inaugurar a xornada na que, tras unha breve presentación do proxecto BlueHuman, se celebrarán dous relatorios sobre o caso dunha molécula de aplicación no tratamento da covid-19 e sobre o restrinxido grupo de fármacos de orixe mariña desenvolvidos ata o momento e empregados contra enfermidades oncolóxicas. A inscrición ao seminario está aberta e os interesados poden acceder tanto ao formulario como ao programa da xornada a través deste enlace.
O consorcio do proxecto BlueHuman, que está financiado polo programa europeo Interreg Espazo Atlántico, leva traballando desde 2018 no desenvolvemento de diferentes liñas de investigación centradas na valorización biotecnolóxica de produtos e subprodutos mariños destinados aos campos da medicina e o coidado da saúde.
Esta iniciativa de investigación está liderada polo grupo de investigación 3B’s da Universidade do Minho e conta ademais coa participación da Fundación Cetmar ou da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia (GNP-AECT). No proxecto BlueHuman traballan socios de España, Portugal, Irlanda, Francia e Reino Unido dun total de 13 institucións, centros de investigación e empresas.
Centro Tecnolóxico do Mar