Skip to main content

Poetas Di(n)versos reúne unha sorprendente voz coruñesa cunha das meirandes poetas hispánicas actuais


Nesta ocasión serán femininas as voces poéticas convocadas, coruñesa nun caso e colombiana no outro: Pura Tejelo e Piedad Bonnett, dúas autoras nadas a principios dos anos 50, que comezaron a darse a coñecer nos anos 80 e que son capaces de cantar as amarguras con serenidade, cunha compaixón que nada ten que ver coa miseria e si coa empatía.

Seguindo un camiño algo atípico, a primeira publicou o seu primeiro libro hai só cinco anos, cando gañou o Premio Johan Carballeira de poesía por A elegancia do século (Xerais, 2017). Seguiríanlle As horas de Hanna (2017) e Novembro (2021), proba dunha obra chea de humanismo e refinamento. Licenciada en Historia Moderna e Contemporánea pola USC e profesora de Lingua e Literatura no Ensino Medio, onde participa en diferentes proxectos de innovación educativa e integración con alumnado migrante, Pura Tejelo exerceu cargos de xerencia na asociación cultural O Facho da Coruña. O pasado ano resultou elixida como representante do Día da Poesía polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo.

Nada en en Amalfi (Antioquia), Piedad Bonnett é licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade dos Andes. Publicou oito libros de poemas e varias antoloxías que a veñen consagrando coma unha das grandes poetas hispánicas contemporáneas. Autora de gran proxección internacional, cuxo traballo ten merecido bolsas de investigación creativa por parte das institucións culturais do seu país, é tamén dramaturga, autora de cinco novelas e mais dun libro testemuñal sobre o suicidio do seu fillo, Lo que no tiene nombre, que en 2016 foi incluído polo sumplemento Babelia entre os 100 mellores libros dos últimos 25 anos. Recibiu ademais o Premio Nacional de Poesía do Instituto Colombiano de Cultura, o premio Casa de América de poesía americana, o Premio Víctor Sandoval pola contribución da súa poesía á lingua castelá, o José Lezama Lima de Casa das Américas e o Premio Generación del 27.

Será o quinto recital poético da décimo terceira edición anual deste ciclo –Premio da Crítica de Galicia á Mellor Iniciativa Cultural en 2014– fundado e dirixido pola tamén poeta Yolanda Castaño, que se estende de outubro a xuño de xeito ininterrompido seducindo a propios e estraños ao campo da poesía. As poetas estarán dispostas a asinar exemplares dos títulos que achegará, coma sempre, unha libraría de proximidade.
Poetas Di(n)versos