A Asociación Española de Climatoloxía reúne na USC a 200 especialistas para afondar no cambio climático

O vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, presidiu o acto inaugural no que tamén interviñeron Mila Castro, concelleira en materia de Medio Ambiente do Concello de Santiago; Estrella Gutiérrez Marco, en representación da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET); a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, María Sagrario Pérez Castellanos; Domingo F. Rasilla, presidente da AEC; e Alberto Martí Ezpeleta, integrante do comité organizador.
O relatorio de Jesús Fidel González Rouco da Universidade Complutense de Madrid, titulado ‘Reconstrucións e simulacións do último milenio: experiencias para a simulación do cambio climático futuro’ serviu de punto de partida para o foro. Modelos e escenarios climáticos; variabilidade, extremos e riscos climáticos; océanos e sistemas naturais; ou clima, saúde, economía e sociedade, son algúns dos bloques temáticos que integran o congreso. Os profesores da USC Alberto Martí, Dominic Royé e Alejandro Díaz Poso organizan o evento xunto con Nieves Lorenzo da UVigo.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)