Skip to main content

O Presidente da Xunta de Galicia inaugurará as novas instalacións de Aspnais no antigo Hospital de San José

Alí están todos os seus usuarios e talleres, que viñan funcionando no edificio da Rampa de Claudio López e na nave de As Arieiras, pero por diversas razóns, a máis importante as limitacións por causa da pandemia, non foi posible facer a inauguración oficial da nova instalación que permitiu reunir todos os servizos da institución e aumentar en case un cincuenta por cento o número de usuarios e de traballadores.

Os actos comezarán ás 12:00 coa chegada do Presidente da Xunta, e o descubrimento, na entrada principal das instalacións, dunha placa conmemorativa do acto.

De seguido, as autoridades efectuarán unha visita ás diversas plantas do edificio, accedendo a Centro de día, Centro ocupacional, Residencia de discapacidade e de maiores, apartamentos tutelados e taller de carpintería.

Rematada a visita, o Presidente da Xunta asinará no Libro de Honra no despacho do Presidente de Aspnais para, a continuación, no exterior, xunto con usuarios, familiares, invitados e familia de Conchita Teijeiro, proceder ao descubrimento dun monumento na honra desta destacada lucense, 'alma mater' de Aspnais, polos excepcionais servizos e agarimo dedicados pola que é Presidenta de Honra da Asociación.

Efectuará o descubrimento da estatua o usuario da entidade, familiarmente chamado 'Cachu', fillo da homenaxeada. Intervirán o Presidente de Aspnais, José Reigosa; o escultor José Molares, autor da obra, e no nome da familia o tamén fillo de Conchita Teijeiro, Bernardino Pardo Teijeiro, 'Manu'.

O gaiteiro Marcos Foxo interpretará a 'Muiñeira de Aspnais' (obra de seu pai, Xosé Luis Foxo, Director da Banda de Gaitas da Deputación de Ourense), e a Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia.

Finalmente, autoridades e invitados desprazaranse á carpa situada xunto ao edificio da entidade, onde terá lugar o acto de inauguración oficial no que intervirán o Presidente de Aspnais, o Deputado provincial Pablo Rivera, a Alcaldesa de Lugo, e o Presidente da Xunta.

Despois do acto inaugural, servirase un aperitivo con produtos do País aos asistentes.
Aspnais (Asociación de pais e titores de persoas con discapacidade intelectual)