Skip to main content

Unhas xornadas reivindican o papel da educación social no deporte

Millán Brea, profesor da facultade promotor da actividade, educador social e coordinador da Área Social do Club Ourense Baloncesto, destacou que o obxectivo principal desta xornada foi “visibilizar que hai un ámbito na educación social que é o deporte e que non se está a traballar nel dun xeito diferenciado”. Porén, recalcou, na cidade de Ourense, estanse a facer “cousas moi interesantes” neste eido e en moitas ocasións a cargo de tituladas do Grao de Educación Social que se imparte no campus.

Sobre a relevancia da temática elixida, Millán Brea explicou que “cando falamos de deporte non falamos só dun campo e dun balón; estamos falando de relacións entre compañeiros, de grupos, de familias, de xestión das emocións, estamos falando de moitísimas cousas”. Ata hai pouco tempo, apuntou, neste campo só se daba entrada a profesionais da psicoloxía e "sempre cunha orientación destinada a aumentar o rendemento". Nos últimos anos, cando se está a pór o foco na saúde mental, engadiu, comeza a visibilizarse o potencial da educación social no deporte.

Valores, convivencia e xestión de emocións

A primeira parte da actividade consistiu nun faladoiro na que as e os convidados expuxeron as súas experiencias. Comezou Natalia Gómez, educadora social, coordinadora do Club Ximnasia Pavillón e adestradora nel de rítmica. Ela puxo en valor a relación educación social e deporte apuntando que “é moi importante que os adestradores sexamos esa axuda para a formación como persoas dos deportistas”. Así, lembrou, deportistas, rapaces e rapazas, “pasan moitas horas fóra das súas casas en actividades deportivas, en extraescolares, facendo deporte, e polo tanto formamos parte da súa educación”. Deste xeito, recalcou a importancia da formación pedagóxica das persoas que participan destas actividades e o seu traballo na formación en valores sociais, na convivencia e na xestión das emocións.

Seguíronlle intervencións do propio Millán Brea, sobre experiencias de inclusión da diversidade levadas a cabo desde a Área Social do Club Ourense; de Ana Sagredo, centrada no eido da danza; de María Acosta, estudante de Educación Social e membro da asociación Auce, e de Cristian González, coordinador de eSports. Tras a exposición de experiencias e de boas prácticas, tivo lugar unha sesión de obradoiros sobre o deseño de proxectos de intervención e como e onde propor ideas neste eido; sobre a dinamización de grupos deportivos e as claves para a xestión do colectivo e sobre a comunicación con familias.
Universidade de Vigo (UVigo)