Astrofísicos galegos na diáspora reúnense por primeira vez

Este grupo diverso de profesionais galeg@s da astronomía reuniuse para compartir experiencias e proxectos, destacando a forza e vitalidade deste colectivo, que inclúe alomenos medio cento de membros. É importante subliñar que aproximadamente o 60% destes astrofísic@s traballa fóra de Galicia, en centros de investigación e universidades de prestixio, tanto en España como no estranxeiro.
Entre os participantes estiveron Daniel Galán Diéguez (doutorando no Instituto de Astrofísica de Canarias), Alejandro Cardesín Moinelo (Axencia Espacial Europea - Centro Europeo de Astronomía Espacial), Xabier Pérez Couto (doutorando na Universidade da Coruña), Alberto Peláez Torres (doutorando no Instituto de Astrofísica de Andalucía), Esther Pérez Fernández (IES de Beade e Universidade de Vigo), Eduardo Ojero Pascual (xubilado da Axencia Espacial Europea - Centro Europeo de Astronomía Espacial), Antón Baleato Lizancos (Universidade de California, Berkeley), Víctor Tilve Rúa (UNED), Ramón Iglesias Marzoa (Observatorio Astrofísico de Javalambre), Pedro Pablo Campo Díaz (Observatorio Astronómico Nacional) e Elia do Souto Espiñeira (Institut de Física d'Altes Energies - Universidade de Barcelona). Participaron tamén outros membros e colaboradores da FC3 como Benigno González, Hugo González, Cintia Cabada, Alejandro Ramírez, Ramón Rodríguez, Lucía Canda e Martín Bar.
A xornada comezou cunha recepción e merenda informal, seguida dunha presentación por parte de Carlos Viscasillas Vázquez e Ana Ulla Miguel que analizaron a situación da astronomía e astrofísica galega na diáspora, abrindo un animado coloquio. Tamén se discutiron propostas de colaboración entre profesionais e afeccionados, especialmente no ámbito da fotometría, destacando a importancia de fortalecer os lazos dentro da comunidade Pro-Am e deste xeito incrementar a aportación científica dos medios dispoñibles no Observatorio Astronómico de Forcarei.
Xa se están planeando futuras reunións para seguir fortalecendo os vínculos entre os astrofísic@s galegos, tanto en Galicia como no exterior, co obxectivo de fomentar a colaboración e o intercambio de coñecemento. Esta primeira xuntanza confiamos en que marcará o inicio dunha serie de encontros que, sen dúbida, enriquecerán a astronomía galega nos próximos anos.
Carlos Viscasillas Vázquez