Skip to main content

A economía feminista e a do coidado, eixos da VI Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela

A formación en liña iníciase os tres días ás 16.30 horas. Comeza o martes 24 coa conferencia ‘Achegas da economía feminista: Traballo, usos do tempo e coidados’, a cargo de Eva María Aguayo, do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX). O mércores 25 a charla será sobre ‘A sostibilidade na toma de decisions na empresa e na administración’, por María Luz Loureiro, do grupo ECOBAS, e o xoves 26 de setembro será a quenda de Bibiana Martínez, do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), coa intervención ‘Analizando a economía circular dende o prisma da economía feminista. Sustentabilidade e coidados’.

Feira expositiva

Finalmente, o venres 27 de setembro terá lugar a Feira presencial no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, que será inaugurado ás 10.00 horas pola delegada do reitor para a Igualdade da USC, Sonia Rodríguez, e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas. A feira estará aberta ata as 18.00 horas.

Ás 10.15 horas as influencers galegas Leticia Miraz e Sara Seco participan nunha mesa redonda titulada ‘Mostrar a realidade das mulleres e traer á escena esa estructura desigual que enfrontamos’. Xa ás 11.00 horas comeza a mesa ‘Igualdade, sexualidade e vínculos afectivos desde una perspectiva feminista e psicosexolóxica’ coa participación da experta en igualdade e xénero Priscila Retamozo e a psicóloga Lucía Álvarez.

Deseguido terá lugar unha mesa de experiencias de proxectos como Designthinking.gal, Maker Faire Galicia ou VermisLAB, baseados en sacar rendemento a equipos feministas e aproveitar a riqueza dos diferentes puntos de vista de grupos con ampla diversidade de pensamento e traballo. Participan nela o formador Marcos Saavedra e a docente en pensamento creativo Paz Picallo. A sesión matinal rematará cunha dinámica grupal na que participarán todas as relatoras, as representantes das casetas da feira e o público para coñecer os seus proxectos emprendedores.

A última actividade é unha conversa, ás 17.00 horas, sobre a invisibilidade do traballo de coidados, na que tomarán parte a xefa de traballo social da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Isabel Sánchez, e a profesora de Antropoloxía Social e Cultural da USC Guadalupe Jiménez. Presidirán a clausura ás 18.00 horas o reitor Antonio López e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

Economías feminista e dos coidados

A economía feminista é un enfoque crítico que examina como as relacións de xénero e as desigualdades inflúen na economía e avoga por políticas que promovan a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres. Destaca a importancia de recoñecer e valorar o traballo non remunerado, como o traballo doméstico e de coidado, realizado principalmente por mulleres e propón medidas como a equidade salarial, o acceso igualitario a oportunidades económicas, o recoñecemento do traballo doméstico e de coidado, e a redistribución do traballo e o poder na economía.

Pola súa banda, a economía do coidado céntrase no estudo e a valoración do traballo de coidado non remunerado, que inclúe o coidado de nenos, persoas maiores, enfermos e tarefas domésticas. Partindo de que o traballo de coidado é fundamental para o benestar humano e o funcionamento da economía, xa que sostén e reproduce a forza laboral, destaca como as desigualdades de xénero e socioeconómicas afectan a distribución deste traballo, cunha carga desproporcionada que recae sobre as mulleres e as comunidades marxinadas. Para combater esta desigualdade, propón políticas para valorar e redistribuír equitativamente o traballo de coidado, como servizos de coidado alcanzables e accesibles, políticas de licenza parental remunerada, e apoio a coidadores informais.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)