Skip to main content

A apertura da veda do Percebe: outra temeridade por parte da Consellería de Pesca

Dende ADEGA queremos sinalar que ainda non se dan as condicións axeitadas para o levantamento da veda. Por outra banda supón continuar o erro que deu lugar á catástrofe do Prestige: mesturar decisión técnicas con decisións políticas e económicas como é o caso.
Existen diferentes razóns para considerar precipitada a apertura da veda: as análises amosan uns niveis de contaminación por Hidrocarburos Aromáticos altos: hai que lembrar que estes compostos son mutaxénicos e canceríxenos polo que se está a poñer en perigo a saúde pública; ademais afectan ao estado fisiolóxico e polo tanto á supervivencia dos individuos adultos e merman a súa capacidade reproductiva; por outra banda segue a chegar chapapote ao litoral polo que a situación de risco non está superada, menos de cara ás mareas de outono e, por útlimo, non se coñece a cantidade de Hidrocarburos Aromáticos presentes na auga do mar (¿estanse a facer análises específicas?).
De todos os xeitos, queremos sinalar como elemento máis preocupante o feito de que a sobrevivencia das larvas neste momento é a metade da normal, polo que aínda que a apertura puidese non ser prexudicial para os individuos adultos a supervivencia e mantemento dos stocks para o ano seguinte vai a verse extremadamente reducida a existir un recrutamento moito menor do conveniente. Neste aspecto, preguntámonos se a Consellería está disposta a admitir a súa responsabilidade política e económica para as seguintes tempadas se colapsa a produción de percebe na Costa da Morte.
En definitiva, abríndose a veda agora, ademais dos posíbeis efectos sobre a saúde dos consumidores, estase xogando coa supervivencia das poboacións de percebe na Costa da Morte para permitir a súa explotación comercial e o mantemento dos postos de traballo. A cobiza e a precipitación poden poñer en dúbida o futuro do percebe e das familias que viven del, polo que como mínimo habería que agardar aos meses de Nadal para avaliar novamente a situación.
Adega