Skip to main content

O Sindicato Labrego participou en Roma nun Seminario Europeo sobre a PAC

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra; e o responsábel das relacións internacionais da mesma organización e membro da directiva da CPE, Xosé Ramón Cendán, veñen de participar nun Seminario Europeo sobre a situación da Política Agraria Común (PAC), organizado pola Coordinadora Labrega Europea (CPE) en Roma do 11 ao 13 de outubro.
Unha das partes máis interesantes do encontro foi a asistencia do Presidente do Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europeia de Italia –país que ten actualmente a presidencia do Consello Europeo-, Giovanni Alemano.
Alemano recoñeceu que a actual reforma da PAC é unha transición cara a un modelo que a Unión Europea aínda non definiu, xa que existe unha fonda división entre os países que queren seguir apostando por un modelo productivista, e aqueles que prefiren outras alternativas. Neste ámbito, dixo que en breve terá que haber unha nova reforma da PAC. Alemano chegou a afirmar que a liberalización non é solución para os problemas da agricultura, xa que se non se acompaña doutras medidas supón unha globalización sen regras na que o único que toma as decisións é o poder económico. Tamén recoñeceu o carácter especial da agricultura, un sector no que non se poden aplicar as políticas doutros eidos da economía; e amosou a oposición do seu goberno cara aos organismos xeneticamente manipulados.
Finalmente, Giovani Alemano comprometeuse a levar as propostas da CPE diante dos ministros de Agricultura da Unión Europea para poder debatelas. Neste senso, pediu un documento a esta organización- á que pertence o Sindicato Labrego Galego- no que expresase as principais demandas que reivindica para a agricultura europea. O documento, que será entregado en breve, reclamará, entre outros puntos:
- O establecemento de prezos que cubran os custes de producción e o traballo agrario.
- Control e redistribución dos dereitos a producir.
- Redistribución das axudas públicas á agricultura e gandería, amais da revisión dos criterios para o reparto das mesmas.
Para o Sindicato Labrego Galego, as declaracións de Alemano que recoñecen que a actual PAC é un modelo transitorio son o recoñecemento tácito de que esta política xa fracasou. Diante disto, esta será unha boa oportunidade para presentar aos ministros europeos de Agricultura un modelo agrario que poña fin ao brutal desmantelamento do medio rural que está provocando a actual PAC e que se desenvolva para defender os intereses dos labregos e labregas, e de toda a cidadanía de Europa.
Gabinete de Comunicación Sindicato Labrego Galego (SLG)