Skip to main content

O TSXG recomenda que se facilite o uso do galego nas actuacións xudiciais

A Sala de Governo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acordou remitir un escrito a todos os órgaos xurisdicionais na Galiza para recordar-lles o direito que teñen as partes á utilización do idioma galego, de modo que os escritos apresentados en dita língua terán plena eficácia e validez, sen problema nengun de subsanación por tal motivo. Este documento finaliza encarecendo a todos os titulares, Secretários e demais funcionários dos órgaos xurisdicionais da Galiza para que se facilite a utilización da língua galega nas actuacións xudiciais, sen outros condicionamentos que non sexan os imprescindíbeis e autorizados pola Lei.
A Mesa pola Normalización Lingüística saúda esta iniciativa, que fora solicitada na recente entrevista que mantiveron o presidente deste colectivo, Carlos Manuel Callón, e o presidente do TSXG, Xesús Souto. Ademais, esta asociación en defensa da língua galega porá-se en contacto coa Consellaria de Xustiza para demandar que se dispoña de máis meios humanos e materiais, que impidan que haxa dilacións indebidas polo uso do idioma galego. A Mesa considera que os meios que hai actualmente non son suficientes e que é especialmente urxente a criación de gabinetes lingüísticos nas cidades en que ainda se carece deles.
Ainda asi, hai un problema de fondo que persiste e ao cal se referia recentemente o Consello da Avogacia Galega nunha declaración institucional: os xuíces e maxistrados destinados na Galiza deben asumir que non se pode impartir a xustiza que se lles demanda se descoñecen o idioma do povo galego.
Por iso, A Mesa considera que se debe abrir un debate público sobre a necesidade de que se regule normativamente que os xuíces e fiscais destinados na Galiza teñan a obriga de coñecer o idioma galego, tras un período de tempo prudencial de vários anos de exercício das respectivas Carreiras neste país. O feito de ser a Carreira xudicial e fiscal corpos de adscrición estatal leva-nos a postular unha regulación normativa que admita un período de adaptación apoiado pola impartición de cursos de formación lingüística, mais transcorrido un prazo prudencial, os encargados do servizo público deben estar en condicións de prestar o servizo administración de xustiza no idioma requerido polas partes.
Mesa pola Normalización Lingüística