Skip to main content

Nace a Plataforma Cidadá pola Compostaxe

Impulsada polas organizacións ecoloxistas ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), Obradoiro Ambiental Oureol e SGHN (Sociedade Galega de História Natural), a plataforma está integrada por estas tres organizacións e CAF, BNG, Galiza Nova, IU-EU e Panxea. SLG-CCLL e CIG apoian o manifesto e están a se plantexar a sua integración.

O labor da Plataforma Cidadá pola Compostaxe será de información sobre as características e consecuéncias tanto da incineración como da compostaxe, alternativa esta última que defenden argumentando que é menos custosa tanto en termos económicos como nos aspectos ambiental e de saúde. A Plataforma colocará mesas informativas e oferece-se para participar en charlas, debates e mesas redondas, tamén dispón dunha exposición itinerante e está a organizar unha visita à planta de compostaxe de Lousame para o vindeiro 12 de Novembro.
En quanto aos informes feitos públicos hoxe desde o Concello, as organizacións integrantes da plataforma amosan o seu rexeitamento do feito de que se faciliten à imprensa dados de documentos que non se facilitarán aos grupos municipais até o vindeiro Luns. Asi, manifestan a sua extrañeza polas cifras tan diferentes con respeito ao que até o de agora se barallava e aguardan a ter os informes para os valorar como é devido. De todos modos, aínda que da compostaxe resultase un recibo do lixo mais caro, algo difícil de crer, seguiria a ser preferível dado a perigosidade para a saúde que se deriva da incineración e o perxudicial que esta é para o ambiente.
Máis información en www.adegagaliza.org.
Xosé Maria Garcia Villaverde (Secretario de ADEGA-Compostela)