Skip to main content

Posicionamento do movemento ecoloxista perante a catástrofe do Prestige

Desde o punto de vista das ONGs ambientalistas, a catástrofe do Prestige é o resultado dun modelo enerxético insostíbel no que a industria do petróleo opera a escala planetaria e minimizando custos como principal obxectivo, á custa dun elevado impacto ambiental. Exemplifica perfectamente os efectos máis perversos da globalización neoliberal sobre o medio ambiente.
O movemento ecoloxista quere destacar que todo o relacionado co Prestige NON FOI UN ACCIDENTE. É o resultado dun modelo enerxético concreto, dun sistema económico guiado unicamente polo beneficio a curto prazo, e cuxos efectos foron posteriormente maximizados por unha Administración pública que deu as costas ao medio ambiente en todo momento.
As ONGs ambientalistas denuncian e reclaman:
ASPECTOS ESPECÍFICOS
1. Situación do buque afundido

Feitos: Nos tanques do Prestige, afundido a 130 millas da costa e uns 3.800 metros de profundidade, nunha zona de certo risco sísmico, están almacenadas aínda unhas 14.000 toneladas que supoñen unha ameaza real para a costa. Para a recuperación deste fuel estase a ensaiar un método de extracción que non se aplicaría até o ano que vén. Un informe do Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT) asegurou que o devandito método deixaría un tercio da carga no pecio.
Posicionamento: A recuperación deste fuel, cuxa complexidade técnica é unha consecuencia máis do afastamento do barco, debería terse afrontado como un asunto da maior prioridade, co obxectivo de completar a recuperación ao longo deste mesmo ano.
2. Xestión do fuel recuperado
Feitos: Segundo as autoridades, unhas 75.000 Tm de fuel foron retiradas do mar e das costas, mescladas con algas, area, pedras, plásticos, etc. O recente acordo entre a Xunta e o Goberno Central sobre o sistema de xestión para estes residuos pouco contribúe a clarificar a solución, xa que se prevé unicamente a separación dos materiais alleos ao fuel, plásticos en primeiro lugar, e area e auga despois, para obter o que se denomina un fuel reciclado e disposto para a súa utilización.
Posicionamento: Opoñémonos frontalmente á incineración do fuel e doutros residuos, tanto separados como conxuntamente. O fuel orixinal, e por tanto tamén o chamado fuel reciclado que se obtén do procedemento de separación indicado polas autoridades, incumpre as normativas comunitarias de contido máximo de xofre. A súa combustión conlevará a emisión á atmosfera de sustancias orgánicas tóxicas, metais pesados (arsénico, cadmio e zinc...) e gases ácidos (dióxido de xofre, responsábel da chúvia ácida), asi como a xeración de cinsas tóxicas. Esiximos que os residuos de fuel sexan tratados como residuos perigosos que son, e por tanto a súa contención segura nun lugar adecuado até que se estabeleza o método de tratamento máis apropiado, que en todo caso debe pasar pola eliminación do xofre e dos metais pesados antes do seu uso como combustíbel.
3. Toxicidade do fuel

Feitos: Consideramos insuficiente a información que se ofreceu sobre a composición e toxicidade do fuel, e rexeitamos a minimización perante a opinión pública dos efectos potenciais sobre a saúde da exposición prolongada a éste durante as operacións de limpeza. Constatouse o uso de equipamentos e prácticas inadecuadas insalubres nas tarefas de limpeza (máscaras inúteis fronte aos compostos voláteis, número insuficiente de mans limpas, turnos demasiado longos,...). Os traballadores que limparon con auga quente a presión forman o colectivo máis exposto a sustancias canceríxenas (inhalación de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) e benceno), xunto co integrado polos voluntarios dos centros de rescate de fauna, que traballaron, especialmente os primeiros días, en ambientes pechados e mantidos a altas temperaturas, en contacto constante co chapapote e inhalando as devanditas sustancias.
Iniciáronse moi tarde os estudos epidemiolóxicos. Non se realizaron medicións atmosféricas nin se analizaron, durante os primeiros meses, os metabolitos de hidrocarburos nas persoas afectadas.
As análises dos alimentos de orixe mariña non son públicas, son incompletas e non garanten a seguridade alimentaria.

Posicionamento: Reclamamos que, a pesar das carencias mencionadas, os estudos epidemiolóxicos sobre a poboación exposta ao fuel, traballadores e voluntarios que traballaron nas tarefas de limpeza e nos centros de rescate de fauna, se realicen de forma rigorosa e fagan un seguemento a longo prazo. Os resultados destes estudos deben facerse públicos.
Demandamos a realización de análises alimentarias completas, especialmente en moluscos bivalvos, incluindo HAPs e metais pesados. Estas análises deberanse facer públicas.
4. Tarefas de limpeza
Feitos: Constatamos a apertura innecesaria de pistas de acceso, o emprego de maquinaria pesada en zonas fráxeis, a deterioración grave de zonas dunares con afeccións a especies de fauna e flora ameazadas, a alteración de coídos,... A utilización das máquinas hidrolimpadoras fíxose en moitos casos sen respectar o protocolo de actuación do propio Ministerio de Medio Ambiente, causando un impacto global importante nas comunidades supramareais e intermareais. O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, o Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán e outras zonas de alto valor ecolóxico propostas para formaren parte da Rede Natura 2000 (Monte e Lagoa de Louro, Carnota-Monte Pindo, Costa da Morte, Costa Ártabra,...) sufriron un importante impacto negativo adicional ao causado polas mareas negras, debido á execución ambientalmente inadecuada dos traballos de recolla do fuel.
Aínda que o Comisionado de Medio Ambiente para o Prestige tivo en conta algunhas consideracións para minimizar o impacto ambiental das tarefas de limpeza, os danos ao medio natural causados por estas desde o seu inicio son moi cuantiosos, sendo escandalosa a falta de sensibilidade e o descoñecemento dos valores do medio natural, ou a inhibición na súa defensa, exhibido polas diversas Administracións.
Posicionamento: É imprescindíbel que os protocolos estabelecidos se cumpran adecuadamente por todas as persoas implicadas nas tarefas de extracción de fuel e que non se agraven os danos causados pola recolla de fuel. É necesario e urxente que se emprendan labores de recuperación ambiental que contrarresten os prexuízos provocados polas tarefas de limpeza: restauración de zonas dunares, eliminación de pistas de acceso e restauración ambiental do seu trazado,...
5. Pesca e marisqueo
Feitos: A aparente normalidade conseguiuse trasladar tamén á pesca, esquecendo que estamos perante unha marea negra e que estas teñen graves repercusións sobre os organismos e por tanto sobre os recursos comerciais. Nun ano hai xa indicios de efectos sobre algúns recursos concretos, como pode ser o percebe ou o mexillón, onde a diminución de individuos xuvenís fai prever problemas no recrutamento. Este problema pode estar sucedendo con outras especies. Fondos someros, de grande importancia para a cría de moitas especies e vía de entrada de contaminantes na rede trófica, están aínda afectados polo fuel. A apertura da actividade extractiva foi en moitos casos precipitada – algunhas confrarías reflicten caídas notables das capturas-, podendo pór en risco a boa recuperacion dos recursos e o prestixio dos produtos galegos.
Posicionamento: É fundamental unha maior investigacion en aspectos relativos á afeccion dos fondos, entrada de contaminantes na rede trófica ou ás repecusions do fuel nos principais recursos. Pedimos que se estabeleza un sistema de seguemento dos cambios ambientais, de forma que detectemos éstes e poidamos estabelecer medidas correctoras de seren necesarias. É tamén necesario adaptar as regulacions relativas a seguridade alimentaria aos eventos de mareas negras.
A catástrofe do Prestige evidencia a necesidade de realizar algúns cambios na xestión da pesca en Galicia, por exemplo, a través da creación de áreas mariñas protexidas.
6. Estudos sobre o impacto do accidenteFeitos: Desgraciadamente pouco aprendemos sobre os efectos a medio e longo prazo sobre os nosos ecosistemas e a nosa economía das múltiples mareas negras que sufriu Galicia no pasado, a anterior en 1992. O caso do Prestige, dada a súa magnitude, debe ser un punto de inflexión neste sentido.
Posicionamento: É fundamental que se investigue en profundidade a incidencia da catástrofe nos ecosistemas litorais e mariños afectados, sobre todo no relativo as especies protexidas que deberían estar xa suxeitas a Plans de Conservación. A investigación debe incluír o impacto a longo prazo sobre o seu funcionamento integral e non unicamente sobre aqueles recursos naturais de interese comercial. A investigación non se debe limitar a estudar o impacto sobre o medio biofísico da catástrofe, senón que debe considerar tamén o impacto social, cultural, económico e demográfico nas zonas afectadas.
Igualmente, é moi importante que a investigación se dirixa non só a coñecer os impactos do accidente senón que se oriente tamén á recuperación dos ecosistemas e as comunidades humanas afectados.
Os resultados de todas estas investigacións deben ser en todo momento públicos.
Congratulámonos da creación de múltiples grupos de traballo, comisións de expertos, consultorías…, mais constatamos que a súa coordenación é deficiente e é, xa que logo, necesario mellorala.
7. Plan Galicia
Feitos: O Plan Galicia, no caso de se aplicar na súa integridade, promovería un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente insostíbel e resultaría insuficiente para garantir a recuperación ambiental e socioeconómica das zonas máis afectadas pola marea negra e do conxunto de Galicia. O Plan Galicia, que destina o 96,7% do seu orzamento a infraestruturas de transporte, representa unha nova marea destrutora do medio ambiente, neste caso non de fuel senón de formigón e asfalto.
A construción de novas autovías e vías de alta capacidade, de trens de alta velocidade estrita (350 km/h), do porto exterior da Coruña, dos 24 encoros previstos no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa,... provocaría un forte impacto ambiental negativo e suporía un alto investimento económico publico socialmente pouco rendible.
Resulta paradoxal que a marea negra do Prestige fose a causa dun Plan que aposta por un modelo de transporte enerxeticamente ineficiente e fortemente dependente do petróleo, modelo que está na orixe das mareas negras e doutros graves problemas ambientais como o cambio climático global.
Posicionamento: As Administracións e a sociedade deben entender a catástrofe do Prestige como unha chamada de atención sobre os efectos ecolóxicos e sociais dunha economía insostíbel e como unha oportunidade para traballar seriamente a prol do ambiente, dada a súa relación directa co benestar e coa calidade de vida.
Demandamos unha avaliación ambiental estratéxica do Plan Galicia e a sua reformulación de forma que promova un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sostíbel e socialmente máis xusto, dedicando maior atención á protección e recuperación ambientais, ao fortalecemento do transporte colectivo (especialmente nas áreas metropolitanas), ou a aumentar o esforzo en I+D.
8. Custos asumidos polas partes afectadas
Feitos: A Administración non asumiu desde o inicio as súas funcións e responsabilidades, polo que o Estado tivo que ser substituído polos colectivos cidadáns (confrarías de pescadores e mariscadores, ONGs ambientalistas, plataformas cidadás, etc.), que achegaron o seu diñeiro, o seu tempo, os seus coñecementos e o seu traballo persoal.
Posicionamento: A Administración debe asumir todos os aportes económicos realizados polas persoas que traballaron na recuperación do fuel. Isto debe incluír, desde o combustíbel gastado polas embarcacións dedicadas ás tarefas, ata os labores para o seu mantemento, limpeza, repintado despois do seu emprego.

9. Política de información.

Feitos: Os intentos de minimizar mediaticamente a catástrofe, a propaganda a miúdo enganosa do labor dos gobernos galego e central e os fortes e inxustos ataques sofridos polas organizacións ecoloxistas e pola Plataforma cidadá Nunca Máis non foron capaces de desmobilizar á cidadanía para esixir medidas efectivas que paliasen a catástrofe e minimizasen o risco de novas mareas negras.
Posicionamento: Condenamos enerxicamente a estratexia informativa dos gobernos central e galego, destinada a minimizar o alcance da catástrofe e a silenciar e descualificar sistematicamente cualquera voz crítica coa deficiente xestión realizada. É preciso garantir sempre a veracidade da información proveniente de fontes e organismos oficiais.
Demandamos que a información sobre as análises dos produtos pesqueiros destinados ao consumo humano, así como os resultados dos estudos que se leven a cabo para cuantificar o impacto do Prestige na zona afectada sexan claros e transparentes.
Esiximos información pública sobre o traballo realizado polas empresas contratadas para os labores de limpeza do fuel na denominada segunda fase: empresas e zonas asignadas, custo dos traballos,... Tamén reclamamos unha información completa e permanentemente actualizada sobre os custos reais de todo o operativo de limpeza e rexeneración da costa.
10. Educación e participación cidadá.
Feitos: Un dos elementos positivos na evolución da catástrofe foi o nivel de conciencia e compromiso ambiental en defensa do mar da cidadanía que se puxo en evidencia. A resposta dos 200.000 voluntarios e voluntarias, a autoorganización dos colectivos máis afectados, as manifestacións masivas de protesta, etc. son exemplos que desvelan unha cidadanía democrática e madura, que quere participar desinteresada e activamente naqueles asuntos públicos que lle atinxen directa ou indirectamente.

Posicionamento: É preciso dar unha resposta adecuada aos niveis de conciencia e acción ambiental postos de manifesto nesta crise. Para iso, cómpre desenvolver programas e materiais educativos e formativos que faciliten á poboación un coñecemento máis profundo do acontecido, que salienten a estreita interdependencia entre ambiente e calidade de vida, e que actúen como barreiras culturais en previsión de futuras calamidades. Asemade, é preciso apoiar o labor social e educativo dos colectivos cidadáns e as organizacións ambientalistas que teñen entre os seus obxectivos a construción dunha sociedade democrática aberta e ecoloxicamente sostíbel.
Neste sentido, é necesario impulsar dunha vez por todas a educación ambiental en Galicia, aplicando integramente a Estratexia Galega de Educación Ambiental aprobada en 1999.
ASPECTOS GLOBAIS
11. Cambios na política enerxética
Feitos: Resulta un despropósito que en medio da catástrofe do Prestige, o Goberno español diminuíse as primas ás enerxías respectuosas co ambiente e decidise que non se dedique nen un céntimo a aforrar enerxía. De continuar a política enerxética actual, España non poderá cumprir os compromisos asumidos no Protocolo de Quioto.
Posicionamento: As ONGs ambientalistas esiximos unha política enerxética baseada no aforro, a eficiencia e as enerxías respectuosas co medio ambiente, como solución última aos impactos ambientais derivados do uso e transporte de combustíbeis fóseis a escala global. Demandamos tamén unha política de transporte que potencie os modos de transporte máis eficientes e limite o uso do automóbil privado.
12. Responsabilidade ilimitada para as empresas.
Feitos: No caso do Prestige, novamente, as industrias sucias trasladan os custos económicos da degradación medioambiental ao conxunto da sociedade. Esta catástrofe é resultado tamén do barato que resulta contaminar e do fácil que é obviar o risco para maximizar os benefícios económicos. O feito de que o Fondo de Indemnización Internacional para facer fronte ás indemnizacións derivadas da contaminación por hidrocarburos provocada polos accidentes marítimos ascendese de 175 a 1.000 millóns de euros é un avance pero non é suficiente. O Prestige suporá aos cidadáns unhas perdas económicas de entre 2.500 e 5.000 millóns de euros.
Posicionamento: Reclamamos un réxime de responsabilidade ilimitada para toda a cadea involucrada no transporte de hidrocarburos, desde o armador ao propietario da carga, incluíndo as aseguradoras e as sociedades de clasificación. Todo buque que transporte estas substancias debe estar en posesión dun seguro que cubra sen límite a contía dos danos ocasionados por un accidente. Estes custos deben incluír non só o impacto directo sobre os ecosistemas senón tamén os custos da súa recuperación.
Asemade, é preciso un réxime máis eficaz e transparente de inspección e mantemento dos buques que obrigue a que os datos das investigacións levadas a cabo polas sociedades de clasificación sexan públicos. Por outro lado, é preciso acabar cos vacíos legais que permiten o uso de bandeiras de conveniencia, co cal os armadores tratan de eludir as súas reponsabilidades.
13. Cambios na política de transporte marítimo.
Feitos: Se algo puxo de manifesto a marea negra do Prestige é que nas últimas décadas a UE apenas avanzou en seguridade marítima. A pesar de que as costas europeas foron escenario de numerosas catástrofes desta índole, non foi até o accidente do Prestige que as medidas incluídas nos paquetes de medidas Erika I e II foron sendo aprobadas . Alén diso, son claramente insuficientes para garantir que un accidente como o do Prestige non volva acontecer, pois isto non vai supor grandes cambios no modo de operar da industria. Por outro lado, os calendarios de eliminación de buques monocasco destes paquetes son tamén insuficientes.
Posicionamento: Reclamamos cambios urxentes na política de transporte marítimo que minimicen o risco dun accidente destas características. Entre estes cambios salientamos: a prohibición do transporte de hidrocarburos e substancias perigosas en xeral en buques de casco simple; a creación dunha rede de infraestruturas con todos os medios necesarios para responder a un accidente destas características; mellorar as inspeccións; a declaración de Áreas Mariñas Especialmente Sensíbeis (AMES). Neste sentido, damos a benvida á proposta realizada por 6 Estados Membros da UE de declarar a fachada atlántica europea, incluíndo Galicia, como AMES por parte da Organización Marítima Internacional (OMI), aínda que nos preocupa a falta de medidas acompañantes para mellorar a seguridade marítima que fagan eficaz dita designación, asi como a oposición de diversos países a que esta proposta se faga realidade. É igualmente necesario un acordo conxunto a nivel da ONU e axencias relacionadas para resolver o problema dos pabillóns de conveniencia. A UE debe xogar un papel chave neste proceso.
Débese incrementar o rigor das inspeccións e harmonizar a esixencia a nivel comunitario das inspeccións de buques, de maneira que buques subestándar non sexan inspeccionados en portos menos esixentes aínda que sexan menos custosos. Tamén se debe desenvolver un control máis efectivo sobre os vertidos deliberados.
É fundamental que medidas como as promovidas por UE ou EEUU se traduzan en acordos internacionais porque se non o que acontecerá é que estes buques e industrias piratas irán operar ás rexións máis indefensas do Planeta.
14. Planos e medios de loita contra a contaminación.
Feitos: É inaceptábel a falta de medios de prevención e loita contra a contaminación nunha das áreas con tráfico marítimo máis intenso do mundo e cun historial de catástrofes marítimas como é o caso das costas galegas. Unha vez máis, as administracións públicas españolas ficaron en entredito, non tendo servido todos os accidentes anteriores para dotarse dos medios máis básicos para se enfrontar a unha catástrofe como a que padecemos.
Máis grave aínda é a ausencia na práctica de protocolos ou planos de continxencia, a pesar de si existiren no papel. A consecuencia foi a ampliación do abano de litoral afectado ao arrastrar o barco sinistrado ao longo de toda a costa galega, atinxindo a contaminación tamén ás costas do Cantábrico español, Francia e Sul de Reino Unido. Un ano despois pouco se avanzou neste sentido.
Posicionamento: Este feito, por si só, debería ter provocado xa a demisión do Ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos, responsábel das políticas de Transporte Marítimo e Salvamento. Igualmente, consideramos fundamental a posta en práctica de planos de continxencia perante este tipo de catástrofes, cos recursos humanos e materiais precisos para afrontar situacións destas características.
15. Vixilancia e prevención de contaminación difusa.
Feitos: Durante o último ano constatáronse publicamente as accións de empresas e barcos desaprensivos que aproveitaron a situación de contaminación de hidrocarburos no mar para limpar as suas sentinas ao paso pola costa ou cando se refuxian dos temporais ás entradas das rías. Estas accións, lonxe de ser puntuais ou circunscritas ao último ano, son práctica común e aportan novas e continuas cantidades significativas de contaminantes ao medio mariño.
Posicionamento: É inexcusábel un servizo de vixilancia que disuada e penalice este tipo de accións, e que debe ser parte dun servizo integral de loita contra a contaminación.
16. Petición de responsabilidades políticas.
As organizacións asinantes continuamos a reclamar a apertura de comisions de investigación sobre a xestión da catástrofe do Prestige no Parlamento de Galicia e no Parlamento Español, que sirvan para aclarar e facer pública a información existente sobre o ocorrido e as decisións tomadas, asi como para a depuración das responsabilidades políticas e administrativas a raíz das conclusións destas comisions.
Amigos de la Tierra + Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) + Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) + Federación Ecoloxista Galega (FEG) + Greenpeace + SEO/Birdlife + Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) + WWF/Ade