Skip to main content

ADEGA e a USC organizan o Encontro O Voluntariado ambiental. A experiencia do Prestige

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Oficina do Voluntariado da Universidade de Santiago de Compostela (USC) convocan o Encontro O voluntariado ambiental. A experiencia do Prestige. O Encontro, no que participarán técnicos, investigadores e representantes de organizacións sociais, pretende reflexionar sobre a experiencia do voluntariado na loita contra a marea do Prestige e sobre o futuro do voluntariado ambiental. O encontro terá lugar o sábado 29 e o domingo 30 de novembro no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca do Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela.
ADEGA e a Universidade de Santiago son dúas das entidades que se destacaron na organización de grupos de voluntarios e voluntarias para a recolla de fuel vertido polo Prestige. No caso de ADEGA foron 16.868 as xornadas de limpeza voluntaria que coordenou entre novembro e maio en 80 praias de 21 localidades costeiras.
A inscrición no Encontro é gratuíta e pode facerse escribindo ao e-mail: prestige@adegagaliza.org ou chamando ao teléfono 981570099.
O Encontro conta coa colaboración da Plataforma contra a Burla Negra, que protagonizará o sábado pola tarde unha lectura de textos do disco-libro Sempre Mar. Durante o Encontro poderase ver na sala de exposicións da residencia universitaria Monte da Condesa (Campus Sur) a exposición internacional Arte postal sobre a marea negra, creada polo IES Aquis Celeris de Caldas de Reis e xestionada por ADEGA e polo Colectivo de ensinantes Area Negra.
O programa completo do Encontro é o seguinte:
Sábado 29 de novembro
10 h. A experiencia do voluntariado no Prestige. Javier F. Agrafojo (responsábel da Oficina do Voluntariado da USC).
10.45 h. Actuación de Médicos do Mundo - Galiza co voluntariado. Eugenia Sampedro e Rosa Roca (Médicos do Mundo).
12 h. Experiencia na coordenación de Voluntari@s. Xan Duro (Presidente de ADEGA), Alberte Sánchez (Secretario Xeral de ADEGA) e Belén Martín (Coordenadora do voluntariado de ADEGA).
12.45 h. O Voluntariado e o Prestige. Presentación da enquisa sobre o voluntariado realizada pola Universidade de Granada. Rubén Rodriguez (Universidade de Granada).
13.30 h. Xantar
16.00 h. Reflexións sobre a participación do movemento voluntario co Prestige. Plataforma Nunca Máis da Garrotxa (Girona).
16.45 h. A outra cara da xuventude. Patricia Vázquez (Presidenta de Senda Verde e membro da Xunta Directiva da Coordenadora Comarcal de Xuventude da Costa Occidental de Huelva).
18 h. Os voluntarios. Mesa redonda coa participación de voluntarios e voluntarias. Modera: Alberte Sánchez (Secretario Xeral de ADEGA).
19.30 h. Lectura de textos do disco-libro Sempre Mar.
Domingo 30 de novembro.
10.00 h. O futuro do voluntariado ambiental. Mesa redonda coa participación de Pablo Meira (Profesor de Educación Ambiental da USC), David Pérez (Técnico de Xuventude do Concello de Pontevedra e Director de Actividades de Tempo Libre) e Xan Duro (Presidente de ADEGA).

12.00 h. Proxectos de ADEGA para o Voluntariado Ambiental.
13.30 h. Visita a varios puntos da Costa da Morte con distintos graos de recuperación ambiental.
Adega