Skip to main content

As Redes Escarlata

As nosas posicións ideolóxicas parten duns principios xerais rexidos polo nacionalismo e a esquerda, principios xa de seu contestatarios nun contexto coma o actual. Procuramos desde o noso ámbito de actuación defender a dignidade do individuo e das multitudes, da sociedade e das culturas. Neste sentido, considerámonos continuadores do labor de loita contra a reacción españolista e os dogmas neoliberais. Seguindo o ronsel dos chamados Precursores do séc. XIX temos a Galicia como tarefa e un empeño inquebrantable por devolverlle ó pobo galego a súa dignidade política e e a súa dignidade cultural.
Partindo destas premisas pretendemos elaborar un proxecto aberto e dinámico, nin excluínte nin dogmático. Por iso o noso manifesto fundacional remata cun chamamento á adhesión e ó traballo, á resistencia activa, fronte a un mundo de cadeas. O obxectivo é, ó final, probablemente ben simple: A LIBERDADE.
En maio do 2003 publicamos un libro colectivo, Xuro que non volverei pasar fame. Poesía escarlata, con poemas de 26 autores da asociación, que na súa maior parte participaron nas presentacións-recitais en Compostela, Ourense e no Marco, de Vigo, a antiga cadea onde naceron as Redes Escarlata.
Entre as últimas accións da asociación está a elaboración do manifesto El Lápiz del Carpintero.
Denuncia dunha mentira, sobre a industria audiovisual galega e en galego; Verbum: acientifismo e discriminación, detallada crítica sobre os contidos e o tratamento da cultura e da lingua galega na Casa da palabra de Vigo; De cerca, tod*s somos rar*s, manifesto de gais, lesbianas, bisexuais, transexuais e heterosexuais (GLBTH); Espindo de palabras a Casa Encantada, manifesto pola ocupación elaborado con motivo do desaloxamento da Casa Encantada de Santiago de Compostela.
Posuímos unha páxina web (www.redesescarlata.org) na que introducimos os nosos traballos. Nela tamén se inclúen dúas publicacións con vida independente, Espasmo, revista electrónica de expresión poética, e Suxeito Activo, revista de pensamento das REDES ESCARLATA.
Os artistas plásticos das REDES fixeron unha intervención en forma de pancartas, sobre o Prestige e as súas consecuencias no noso litoral e sobre a Guerra de Irak. Son unhas 40 pancartas, que estiveron presentes nas dúas manifestacións obreiras do 1 de Maio (en Vigo), na manifestación de Nunca Máis do 4 de maio (en Compostela), nas manifestacións do Día da Patria e no acto de Nunca Máis para protestar contra a concesión da medalla de ouro de Galicia a Álvarez Cascos (25 de xullo do 2003).
Entre os recitais poéticos organizados ou protagonizados polas REDES ESCARLATA destacan a homenaxe á xente do mar da Arousa (e á doutros mares que choraron bágoas negras), celebrado o 28 de xuño na Illa da Arousa; o organizado pola Biblioteca Central de Vigo o día 13 de novembro para conmemora-lo cabodano do Prestige e o que se celebrará o día 7 de decembro en Narón, en homenaxe ás persoas represaliadas ou asasinadas durante o Alzamento do 36 contra a República.
Neste ano 2003, como ben se encargan de vocea-las distintas institucións para intentar silenciar as cada vez maiores intervencións críticas, cumprense os 25 anos da Constitución Española. As REDES ESCARLATA, que reflexionamos sobre o presente tendo moi en conta o pasado e que apostamos por unha cambio na sociedade guiado polo republicanismo, polo nacionalismo e pola ideoloxía esquerdista, coidamos que nós tampouco non debiamos deixar pasar esta ocasión para manifestarnos ó respecto. Para iso elaboramos un manifesto que xa está colgado na nosa web (www.redesescarlata.es) e que acompaña este escrito.
Manifesto das Redes Escarlata sobre a Constitución Española de 1978
Hai 25 anos, no referéndum de 1978, entre a abstención (PGP, PSG), o non (BN-PG) e o voto en branco (POG), a esquerda nacionalista mostrou a súa oposición, un desacordo histórico, á Constitución Española. En Galicia só votou si o 44,69 % do censo.
Hai 25 anos o conxunto da esquerda nacionalista non quixo apoiar un texto que procalamaba a Monarquía na figura de Juan Carlos de Borbón e negaba o dereito de autodeterminación.
Hai 25 anos o estado social e aconfesional que figuraba na letra do texto foi correctamente interpretado como fume pola esquerda nacionalista galega.
Hai 25 anos a esquerda nacionalista entendía que a Constitución Española non era máis que unha estratexia para lexitimar o fascismo como período histórico de refundación do poder da burguesía e do control capitalista.
Hai 25 anos a esquerda nacionalista denunciaba a Carta Magna coma un Punto Final que impuña o esquecemento dos crimes fascistas e lle botaba terra á memoria das nosas vítimas.
Hai 25 anos boa parte da tradición de loita antifascista de obediencia española traizoou o común ideario rupturista e pactou a supervivencia e a reacomodación do Réxime franquista. O antifascismo galego non.
Hoxe, o partido no poder, directamente herdeiro da Ditadura, utiliza a Constitución como unha arma contra calquera tipo de avance político na configuración do Estado. E aínda non limpou de nomes fascistas rúas, hospitais e escolas.
Hoxe, os constitucionalistas son os que negan a democracia e o diálogo.
Hoxe, máis que nunca, sentimos novamente os cinguidos vínculos que aínda atan o fascismo coa Monarquía, acubillo do feroz nacionalismo español.
Hoxe, máis que nunca, non somos cidadáns: somos súbditos.
Hoxe, o poder xudicial non é independente do político e prohíbense partidos e péchanse publicacións cunha coordinación obscena e delatora. Investígase a Nunca Máis: o Fiscal Xeral mete medo.

Hoxe, aínda hoxe, o Estado Español é de oferenda apostólica e procisión. E hai políticos que tragan. Non, non é laico.
Hoxe, cun descaro insultante, os medios de comunicación públicos -e os privados- non están para informar: terxiversan, censuran, ocultan. Son férreo instrumento, repugnante propaganda do poder.
Hoxe coma antes, gobernan as diferentes oligarquías, os ditados imperialistas estadounidenses, a Igrexa Católica, que mantén os horrorosos símbolos fascistas nas parroquiais... Gobernan os alleos ós intereses básicos da clase obreira.
Hoxe, cunha impúdica profusión -sen complexos- ondean na rúa Génova as mesmas bandeiras, as mesmiñas, que ondeaban hai máis de 25 anos na praza de Oriente.
As Redes Escarlata chaman á esquerda nacionalista para que recupere o seu pensamento crítico e radical contra os fundamentos da Constitución Española.
As Redes Escarlata denuncian que o edificio e a cariátide permanecen.
As Redes Escarlata chaman a non abdicar dun horizonte de liberdade MÁIS ALÁ deste posfranquismo que nos deron.
As Redes Escarlata farán sempre memoria de Bóveda e Moncho Reboiras e de tódalas vítimas do terror fascista.
As Redes Escarlata, hoxe, igual que hai 25 anos, considéramonos herdeiras dos principios republicanos, laicos e igualitarios que moveron o galeguismo desde os vellos precursores a Castelao.
Por iso seguimos estando, con Manuel Antonio, pola futura República Galega.

Carme Hermida (directiva Redes Escarlata)