Skip to main content

ADEGA edita un calendario dedicado ás árbores autóctonas

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) editou un calendario de parede do ano 2004 dedicado ás árbores autóctonas. Trátase dunha acción máis de ADEGA en defensa das árbores e dos bosques propios da nosa terra, que na actualidade tan só ocupan un 25% da superficie forestal arborada (360.000 hectáreas). ADEGA demanda unha aposta decidida das institucións pola conservación, recuperación e uso sustentábel dos bosques autóctonos.
O calendario de ADEGA As nosas árbores inclúe un debuxo e información sobre doce especies de árbores autóctonas, unha por cada mes do ano: acivro, teixo, carballo, cerquiño, castiñeiro, bidueiro, ameneiro, freixo, faia, pradairo, sobreira e aciñeira.
Na introdución do calendario sinálase que a destrución física ou a deterioración dos bosques autóctonos é un dos principais problemas ambientais de Galicia. Da superficie total ocupada polas árbores autóctonas só unha parte constitúe bosques de certo valor ecolóxico, case todos sen protección adecuada. A superficie total dos bosques considerados no noso país como hábitats de interese comunitario de acordo coa Directiva 92/43 relativa á conservación dos hábitats naturais é de 95.000 hectáreas, un 7% do monte arborado. Temos moitas plantacións forestais pero poucos bosques de elevado interese natural.
Os bosques autóctonos de maior interese natural áchanse ameazados sobre todo pola realización de obras de infraestrutura (pistas forestais e agrarias, estradas, minicentrais hidroeléctricas,...), pola súa substitución por plantacións de especies arbóreas alóctonas (nomeadamente de eucaliptais, malia estar prohibida), por talas ilegais e polos lumes.
O calendario As nosas árbores reproduce na súa contracapa un manifesto de apoio á certificación forestal FSC asinado por organizacións ambientalistas, de cooperación ao desenvolvemento, de comercio xusto e sindicais. A certificación FSC, de ámbito mundial, é a única que na actualidade garante unha xestión forestal seriamente comprometida coa natureza, beneficiosa para o conxunto da sociedade e viábel.
Adega