Skip to main content

O xornalista e profesor uruguaio, Héctor Borrat, falará sobre O periódico, narrador polifónico

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) organizou unha conferencia-coloquio sobre o tema O periódico, narrador polifónico, que pronunciou Héctor Borrat, xornalista, doutor en Ciencias da Información e profesor emérito da Universidade Autónoma de Barcelona.
Interactuar e narrar. Comprender e explicar conflictos. Influir e lucrar, serán epígrafes a considerar polo conferenciante, quen analizará o periódico como narrador polifónico dunha actualidade que devén historia global -política, social, económica, cultural- sempre aberta, frecuentemente reinterpretada e reescrita.
A conferencia, de carácter público e aberto como todas as organizadas polo CPXG, celebraráse o día 23 de xaneiro, venres, ás doce da mañá, na Aula de Audiovisuais do Instituto de Educación Secundaria Rosalía de Castro, rúa San Clemente, s/n, en Santiago de Compostela.
O acto continúa a vontade do Colexio de Xornalistas de celebrar cunha conferencia pública a festividade de San Francisco de Sales, patrono da profesión. Nos anos anteriores pasaron pola tribuna o recentemente desaparecido Raimundo García Domínguez, Borobó, mestre de xornalistas; o profesor da Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, Jesús Timoteo Álvarez e a xornalista Victoria Prego.
Héctor Borrat (Montevideo, Uruguay, 1928) está posesión dun notable currículo como xornalista e tamén como docente, investigador e publicista. Entre 1960 e 1974 foi redactor e membro do Consello de Redacción do mítico semanario Marcha, en Montevideo, ata a súa clausura por decreto do Presidente Bordaberry. Trasladouse logo a Barcelona, onde colaborou de forma permanente na revista El Ciervo e iniciou as súas actividades docentes na Universidade Autónoma e a dedicación á investigación nos campos da Teoría Social, a Socioloxía da Comunicación e a Comunicación Periodística e Política.
É autor de numerosos artigos, académicos e de divulgación, e de nove libros, entre os que compre citar El periódico, actor político (1989) e Facer Europa. Os periódicos, protagonistas do pos-Maastricht, (Edicións Lea, 1997).
Colexio de Xornalistas de Galicia