Skip to main content

A Mesa exixe que a Xunta mude urxentemente todos os libros de texto que están ilegalmente en castelán

A Mesa pola Normalización Lingüística apresentou recentemente unha denuncia contra vinte inspectores educativos, por neglixencia grave no desenvolvemento do seu traballo, ao non vixiaren o cumprimento dos mínimos legais de docencia en galego. Grazas a esta denuncia, os inspectores e inspectoras están a visitar agora varios centros de ensino, comprobando se se cumpre ou non coa lexislación e lembrando as obrigas do profesorado a este respeito.
Cando A Mesa anunciou que ía apresentar a denuncia contra a inspección, o Director Xeral de Política Lingüística, Jesús Pablo González Moreiras, dubidaba publicamente de que houbese incumprimentos do Decreto que regula as materias mínimas a impartir en galego. Días máis tarde, declarou que se un colexio ten, ilegalmente, libros de texto en castelán, expedientarémolo, considerando así que a responsabilidade non era dos inspectores nin da Administración.
A Mesa pola Normalización Lingüística considera que a Xunta de Galiza debe asumir a súa responsabilidade e pór fin a estes oito anos de vulneración da lexislación sobre lingua no ensino. Por iso, fai as seguintes demandas:
1) A Xunta debe mudar, urxentemente, todos os libros de texto que están en castelán ilegalmente e que deberían estar en galego. Debe ser o Goberno galego quen custee esta mudanza, pois é del a principal responsabilidade de que se lle conculcasen os dereitos lingüísticos aos estudantes.
2) Suspensión da campaña Entre nós, en galego, da Dirección Xeral de Política Lingüística, por ser unha suma de iniciativas inconexas non vinculadas realmente coa promoción do galego. Trátase dunha campaña ineficaz e propagandística na cal se gastan cantidades desorbitadas de diñeiro. Coas necesidades humanas e económicas que ten nestes momentos a incorporación do galego no sistema educativo, destinar todo este diñeiro nunha campaña destas características supón unha burla á cidadanía. Con esa partida orzamentaria é factíbel que se muden todos os materiais pedagóxicos que deberían estar en galego e, por desidia, non o están.
Mesa pola Normalización Lingüística