Skip to main content

Adega presenta unha denuncia penal contra o grupo Exlabesa

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) presentou unha denuncia penal contra o Grupo EXLABESA pola actividade da súa factoría de Rois (A Coruña). A denuncia interpúxose polo carácter nocivo dos verquidos do grupo EXLABESA, así como polo perigo de rotura que presentan as balsas nas que se acumulan estes vertidos. Esta denuncia penal é das máis graves interpostas até o momento en Galiza en materia ambiental.
Nunha conferencia de prensa celebrada hoxe pola mañá no contorno das instalacións de EXLABESA, Xan Duro, presidente de ADEGA, Manuel Golpe, responsábel de medio ambiente de UGT-Galicia, e o Profesor Luis A. Rodríguez López, do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo, expuxeron os feitos que motivaron a querela penal presentada por ADEGA. A mesma empresa foi obxecto recentemente dunha denuncia penal presentada por UGT-Galicia por incumprimento da lexislación laboral.
A actividade desta fábrica de EXLABESA, dedicada á transformación de aluminio, está catalogada como moi perigosa. O seu proceso produtivo é un dos que xera maiores cantidades de metais pesados, polo que debería ser extremadamente coidadosa coa súas repercusións ambientais. Sen embargo, non ten ningún tipo de autorización para realizar a súa actividade nin por parte do Concello de Rois nin por parte da Xunta de Galicia.
EXLABESA dispón dunha Depuradora Físico-Química para tratar as súas augas, mais non está operativa a maior parte do tempo. Isto supón para a empresa un aforro de 700.000 € anuais e graves prexuízos ambientais e sociais. As medicións realizadas polo Prof. Luis. A. Rodríguez López mostran uns parámetros desorbitados de metais pesados e tóxicos que nalgúns casos son 1.000 veces superiores aos índices permitidos.
A denuncia presentouse polo carácter nocivo dos verquidos do grupo EXLABESA, tanto directos, a través de tuberías, desaugues e colectores, como por infiltracións no terreo, ao non estaren as balsas impermeabilizadas. Nestes verquidos están presentes metais tan perigosos como o cadmio, o mercurio ou o aluminio, que teñen un efecto acumulativo nos organismos vivos e que chegan ao río Sar. Asimesmo, presentouse polo perigo de rotura que presentan as balsas, ao se poder observar como os muros de contención presentan fisuras, situación que se agrava pola existencia dun gran desnivel de 50 m.
As 13 balsas (de 20 X 20m e 2 m de profundidade e non impermeabilizadas) situadas no interior do recinto da empresa conteñen aproximadamente 400.000 litros que, en caso de accidente, verteríanse directamente ao río Sar e, por conseguinte, chegarían á ría de Arousa, o que mesmo podería supor unha catástrofe similar a de Aznalcollar, pola similitude dos contaminantes presentes.
Unha das balsas, duns 20 m de diámetro e de 1.5 a 2 m de profundidade, está situada fóra do recinto da empresa e linda cun camiño público. Carece de calquera tipo de sinalización que avise da súa perigosidade e, como o resto, está sen impermeabilizar, polo que é previsíbel a existencia de vertidos por inxección no subsolo, contaminando as augas subterráneas.
O obxectivo desta querela é que o grupo EXLABESA, con niveis de rendibilidade moi altos, sexa social e ambientalmente responsábel e legalice a sua situación. A querela non procura o peche da empresa nin a perda de postos de traballo. Se for necesario, a querela solicita a intervención xudicial que permita continuar a actividade da empresa de forma adecuada.
A querela tamén pretende ser unha seria chamada de atención para outras empresas en situación similar e para as Administracións públicas responsábeis de velaren polo correcto cumprimento da lexislación de protección ambiental.
Adega