Skip to main content

A Mesa de Bergantiños recolle máis de 400 sinaturas para demandar a galeguización do centro comarcal Haley

Estas asinaturas serán entregadas nos próximos días aos responsábeis do Centro Comercial, para lles solicitar unha mudanza nos seus usos lingüísticos.
Unha iniciativa semellante á que se desenvolveu agora na comarca de Bergantiños xa fora realizada tamén polos grupos de traballo da Mesa no Barco de Valdeorras e en Santa Uxía de Ribeira e preténdese estender a máis pontos do país. A intención é pór en evidencia que hai unha demanda non satisfeita de que se utilice o galego con normalidade en supermercados e superficies comerciais, máxime cando son de capital autóctone.
A Mesa pola Normalización Lingüística anima a máis clientes do Grupo GADISA en toda Galiza (supermercados Claudio, Gadis, centros comerciais Haley, etc) a que fagan chegar a súa solicitude de utilización do noso idioma. Un xeito eficaz, rápido e cómodo de facer chegar esa solicitude é através da páxina que ten esta empresa en internet:
http://www.empresas.mundo-r.com/32237W0001/gallego/new_contacto.html
O texto que apoiaron en Carballo máis de 400 persoas foi o seguinte:
Polo uso do galego no centro comercial Haley
En Galiza existe un grande divorcio entre a realidade social e a conduta lingüística do comercio. Parece como se os seus directivos fosen indiferentes aos datos que xorden da propria Galiza, imitasen en exceso os roles foráneos e non fosen suficientemente áxeis adaptándose ás simpatías dos consumidores.
As estatísticas existentes sobre hábitos de consumo na Galiza indican que o 80% das galegas e dos galegos son partidarios de que se use a lingua galega nas relacións comerciais. Ademais, estes estudos non detectan posíbeis perdas de imaxe no consumidor por pasar a utilizar o galego e, polo contrario, indican que o uso do idioma supón un importante estímulo de compra para un segmento de entre o 25 e o 40% da poboación.
Estamos nun país atrasado, onde as dinámicas son moi lentas, onde hai moi poucos reflexos en calquera sector, mesmo no empresarial. O feito de non ter en conta estatísticas como as indicadas é un sintoma dese atraso, da inseguranza da nosa clase empresarial, do temor á innovación.
As persoas abaixo asinantes queremos convidar á reflexión sobre esta situación ao Centro Comercial Haley de Carballo e, como potenciais clientes, solicitamos que o galego pase a ser utilizado con normalidade neste centro, en toda a sinaléctica, atención ao público e publicidade.
A Mesa pola Normalización Lingüística