Skip to main content

Nova entrega de Tempo exterior, a revista do IGADI

O momento actual da sociedade e a política estadounidense é sometido a exame no último número de Tempo exterior, a revista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), que dirixe Xulio Ríos. Tom Barry, analista do Interhemispheric Resource Centre e Saúl Landau, do Instituto de Estudios Políticos de Washington, son dúas voces que dende dentro pormenorizan sobre a visión política da Administración Bush. Esa perspectiva é complementada dende fóra por José María Tortosa, da Universidade de Alacante, e por Carmen Pereira-Muro, profesora galega afincada en Miami, que retrata en clave persoal o cambio vivido despois do 11S. O conxunto se completa coas vinculacións da política estadounidense e os intereses enerxéticos en todo o mundo, por parte do mexicano Isidro Herrera, do Centro de Estudios Estratéxicos e Xeopolíticos; e o desinterese por cooperar co afortalamento de mecanismos legalistas que exclúan ou atemperen o uso da violencia como último recurso e rodeado de garantías (Isabel Lirola, a propósito da Corte Penal Internacional).
O número inclúe ademais unha primeira aproximación á lei galega de cooperación internacional, da man de Carlos Teijo, profesor na Universidade de Santiago; contextualizada no marco do papel de Nacións Unidas en materia de desenvolvemento, aportación de Fernando Bruna, da Universidade de Vigo.
Os estudios de caso se centran en Irlanda do Norte, cun ensaio do que é autor Benjamin Kienzle, becario alemán no Igadi; e Carlos Sixirei, profesor na Universidade de Vigo, que analiza o centenario de Panamá.

O papel da lusofonía na acción exterior de Galicia é analizado dende a perspectiva da comunicación, por Margarita Ledo, catedrática da Facultade de xornalismo na USC. Por último, Fernando Pérez-Barreiro achega desde Londres unha reflexión teórica sobre a análise das relacións internacionais, a medio camiño entre o dogmatismo e o escepticismo.
O número se pecha coas habituais recensións documentais e de libros. Con estes vimbios, Tempo exterior segue a concretar ese esforzo de reflexión que dende Galicia pretendemos alentar sobre as tendencias do artellamento internacional, pois dese grao de coñecemento vai depender en boa medida o acerto do noso posicionamento.
Igadi