Skip to main content

Unhas xornadas na Facultade de Ciencias Políticas analizarán o modelo de financiamento autonómico e a súa repercusión sobre a Sanidade Pública en Galicia

Este encontro ten como obxectivos analizar a repercusión do modelo de financiamento autonómico sobre o financiamento das comunidades autónomas e sobre o gasto sanitario en Galicia, así como coñecer a posición dos grupos parlamentarios sobre esta cuestión e propor os cambios acordados dende Galicia no debate sobre o tema aberto no Estado.
A sesión de debate, que se desenvolverá no Salón de Graos do centro compostelán, comezará ás 16:30 horas coa celebración dunha mesa na que se afondará no tema O modelo de financiamento autonómico, ¿garante a suficiencia, a equidade da atención da saúde nas comunidades autónomas en xeral e en Galicia en particular?. Nesta mesa, moderada polo secretario xeral de UGT, Suso Mosquera, participarán o catedrático de Facenda Pública da Universidade da Coruña, Xoaquín Álvarez Corbacho; o conselleiro do Consello de Contas de Galicia, Francisco Constela Acasuso; e un representante da Consellaría de Economía e Facenda.
Deseguido, ás 18:00 horas, dará comezo a segunda mesa da sesión, titulada O sistema de financiamento sanitario e a súa repercusión sobre a sanidade pública. Moderada polo secretario xeral de CCOO, nela intervirán o presidente do Colexio de Médicos de Ourense, José Luis Doval; o presidente da Sociedade Galega de Medicina Familiar e Comunitaria e vicepresidente do Colexio de Médicos da Coruña, Pablo Vaamonde; e o secretario da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, Manuel Martín García.
A xornada rematará coa celebración da mesa ¿É desexable e posible cambiar o modelo de financiamento autonómico e sanitario? Propostas dende Galicia: ¿qué cambios, por que e para que?. Nesta mesa, que moderará o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, participarán o deputado do Bloque Nacionalista Galego nas Cortes, Carlos Aymerich; o representante do grupo parlamentario do PSdeG-PSOE, Francisco González Cerviño; o representante do grupo parlamentario do PP, Miguel Santalices; e o representante de Esquerda Unida, Manuel Peña Rey.
Gabinete de Comunicación USC