Skip to main content

Premio Roberto Vidal Bolaño

Coa emancipación da multitude produtora, na súa diversidade de expresións de loita e de resistencia, e coa República Galega.
Coa institución do Premio, lembramos e recoñecemos a figura de Roberto Vidal Bolaño, o seu compromiso, e ligámola ó acontecemento histórico da Comuna de París, que no ano 1871, un 18 de marzo, constitúe o primeiro goberno proletario da historia.
Anualmente, un xurado nomeado polas Redes Escarlata entregaralle a unha persoa ou colectivo un premio honorífico, sen dotación económica, mediante o que se procurará recoñecer ben unha actividade concreta, ben unha traxectoria de compromiso coa futura República Galega e coa vil multitude herdeira daquela que Marx describiu na súa obra A guerra civil en Francia e que protagonizou o primeiro e brillante episodio do asalto ó ceo.
A convocatoria, constitución do xurado e elección da persoa ou colectivo premiados e demais características deste premio recóllense nas seguintes bases.
1. Con este premio preténdese un recoñecemento público daquela persoa ou colectivo que destaque polo seu compromiso coa emancipación das clases populares, na súa diversidade de expresións de loita e resistencia, e coa construción da República Galega, coa súa cultura, coa súa lingua.
2. O Premio Vidal Bolaño terá carácter de recoñecemento público e por tanto materializarase nun elemento simbólico entregado á persoa ou colectivo premiado. Non leva engadido, por tanto, ningún beneficio económico.
3. O premio consistirá nunha peza artística elaborada por un creador ou creadora de Galicia.
4. A entrega do premio farase preferentemente ó redor do 18 de marzo de cada ano, aniversario do día en que se inicia o movemento do proletariado parisino, como homenaxe e lembranza da Comuna. De non ser posible esta data de referencia, por calquera causa, escollerase a do 28 de maio. O acto realizarase no ámbito dunha xuntanza de confraternización das Redes Escarlata.
5. Calquera persoa —sexa membro das Redes Escarlata ou non—, entidade ou colectivo poderá facer chegar á Directiva das Redes Escarlata, mediante correo electrónico (premiorvb@redesescarlata.org) ou correo ordinario, propostas de candidaturas para cada edición do premio. A Directiva das Redes Escarlata comprométese a facelles chegar ós membros do xurado elixido cada ano as ditas propostas.
6. Serán os membros do xurado, seleccionado para cada convocatoria pola Directiva das Redes Escarlata, os encargados de propoñeren e votaren as candidaturas e decidiren con total soberanía a persoa, entidade ou colectivo merecente do galardón.
7. O xurado estará constituído por un máximo de seis persoas: un Secretario, con voz e sen voto, e cinco vogais.
8. A Directiva das Redes Escarlata comprométese a respectar e cumprir as decisións do xurado.
9. As bases do premio publicaranse na páxina web das Redes Escarlata (www.redesescarlata.org).
Redes Escarlata