Skip to main content

Socialia se consolida como o portal do sector non lucrativo de Galicia

Cando se cumpren dous anos do lanzamento do portal Socialia.org, o número de visitas rexistrado e a súa evolución ó longo do tempo confirma o interese que espertan nas onl (organizacións non lucrativas) uns servicios e contidos especialmente deseñados para elas pola Obra Social de Caixa Galicia.


Socialia.org, un espacio virtual de encontro e referencia para as organizacións non gobernamentais de Galicia, posto en marcha pola Obra Social de Caixa Galicia, consolidouse como portal de referencia do sector no seu segundo ano de funcionamento. Un incremento de visitas do 432% respecto do ano 2002 e un rexistro mensual de visitas superior a 20.000 avalan a calidade dos contidos e servicios que ofrece e o interese dos mesmos para as entidades que traballan en ámbitos de solidariedade e participación cidadá.

O portal socialia.org pasou de estar clasificado no ano 2002 no posto 2.002.227 do índice Alexa (clasificación internacional) ó posto 80.000. E en Galicia www.socialia.org atópase entre as 31 webs máis populares segundo a clasificación publicada por Código Cero (www.codigocero.com).

O que interesa ós usuarios de socialia.org

Socialia.org ofrece servicios que facilitan o traballo das onl. Diariamente actualízanse os contidos do portal nas seccións de actualidade, formación ou financiamento, para que as onl atopen en socialia.org a información máis actual. Hoxe mesmo é posible consultar 110 convocatorias de financiamento, de ámbitos público e privado, clasificadas por temas e documentadas cós textos íntegros de cada unha delas. Ou coñecer o contido de máis de 30 cursos de formación nos que o prazo de inscrición permanece aberto.

Socialia.org ofrece un servicio de asesoría on-line, especializado en xestión de onl, que resposta persoalmente ás cuestións que se lle plantexan e que é utilizado por cada entidade unha media de 2,2 veces ó ano.
Ademais, no portal, atópanse numerosos documentos prácticos e totalmente actualizados, relacionados coa nova normativa vixente: documentos explicativos dos textos legais, modelos prácticos de xestión, etc

Quen utiliza socialia.org

500 entidades e máis de 1.000 particulares inscribíronse no portal para acceder a tódolos seus servicios. Maioritariamente son entidades galegas, pero un 22% desenvolve a súa actividade noutras Comunidades Autónomas, unha mostra do interese que os contidos de socialia.org espertan nas entidades do sector.

Destacan as onl cun ámbito de actuación centrado en servicios sociais (discapacitados, maiores...) seguidas polas que promoven a acción voluntaria, a cooperación internacional, a saúde, a educación ou a cultura. En menor medida, están presentes as organizacións de desenvolvemento local, medio ambiente ou dereitos civís.

Ademais, son moitas as persoas que buscan en socialia.org información sobre proxectos nos que se necesita colaboración voluntaria porque a sección de voluntariado lles proporciona información sobre os proxectos postos en marcha polas onl, clasificados por ámbitos de interese ou provincia de execución.

Socialia fora da rede

Socialia tamén ten continuidade fora da rede. Caixa Galicia desenvolveu un programa integral para o Terceiro Sector que comprende outras actividades como formación, investigación e encontros presenciais.

No ano 2003 as actividades formativas nas que participaron máis de 600 persoas se centraron nas implicacións dos recentes cambios normativos que afectan ó sector (nova lei de asociacións e fundacións, entre outras) e na formación de xestores de voluntariado. No 2004 a programación formativa de Socialia continuará ocupándose dos principais temas de actualidade para o sector.

Este ano tamén se celebrará o I Foro Socialia, un ambicioso proxecto de participación e reflexión sobre a situación actual do Terceiro Sector en Galicia, coa perspectiva de acadar conclusións de futuro que resulten enriquecedoras para o sector e que culminará nun Encontro presencial das entidades socias do portal socialia.org.

Asemade, ó longo do 2004 presentaranse os resultados da investigación sobre o Terceiro Sector en Galicia dirixida polo catedrático Víctor Pérez Díaz, un dos principais especialistas en España sobre sociedade civil.


comunicacion@socialia.org