Skip to main content

A Sociedade da Información, unha das principais propostas dos partidos políticos galegos

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia ven de organizar nos días pasados, no Club Internacional de Prensa de Santiago, unha mesa redonda coas tres principais formacións políticas galegas, onde se debateron as posturas dos seus partidos acerca da Sociedade da Información en Galicia. Tódolos partidos coincidiron en sinalar a importancia de acadar un usuario universal, que non só teña acceso ás novas tecnoloxías, senón que ademais saiba cómo sacarlles partido.
O debate, que estivo moderado polo Vicepresidente da AETG, Javier Franco, contou coa presencia de Juan Casares, do PP; José Luís Méndez, do PSdG-PSOE; e Xosé Díaz, do BNG. Cada relator dispuxo dun tempo inicial para expoñer as propostas políticas dos seus partidos sobre a SI. A continuación, abriuse a quenda de intervencións cos asistentes, principalmente socios da AETG, representantes de empresas do sector, e membros da Administración.
Abriu a presentación de Javier Franco, que defendeu a colaboración das distintas Administracións coa iniciativa privada como única vía para o desenvolvemento das tecnoloxías, e avogou pola realización dun Pacto de Estado para o desenvolvemento da Sociedade da Información.
A quenda de intervención comezou por Xosé Díaz, do BNG. Díaz, para quen unha parte importante das actuacións do goberno en materia de investimentos en I+D , vai para o sector armamentístico, insistiu no déficit tecnolóxico do noso país. Baseado nos datos da recente enquisa das Cámaras de Comercio, puxo de manifesto o atraso da sociedade galega coas novas tecnoloxías da información. Lembrou que a Sociedade da Información é chave no crecemento das economías e pediu a creación dun plano estratéxico, un programa a medio e longo prazo, ademais da creación de empresas, e a colaboración coa Universidade e entre a empresa privada e os entes públicos.
A continuación tomou a palabra o representante do PsdeG-PSOE, Xosé Luís Méndez, que denunciou que en Galicia, nestes 14 anos de goberno popular non existiu nada semellante a un Libro Branco nin a un Plan Xeral das Telecomunicacións. Méndez, quen destacou que se trata dun área moi pouco comprendida en Galicia, como o amosa o feito excepcional de que as competencias estiveran ata hai pouco no Departamento de Cultura, criticou a composición da recentemente constituída Comisión Interdepartamental de promoción da Sociedade da Información da Xunta de Galicia. O deputado socialista, e tamén tenente de alcalde de o concello de A Coruña, repasou as propostas do seu partido para a SI, que pasan por o desenvolvemento de Internet; a creación dun mercado de demanda; a alfabetización dixital e a creación dun tecido empresarial axeitado. Pediu tamén aproveitar a ocasión única de que os tres reitores das universidades galegas proveñan deste campo.
Pechou a quenda de intervencións, por parte do PP, Juan Casares, que rebateu algunhas das afirmacións dos seus colegas e fixo un amplo repaso polas cousas que xa logramos, non son promesas, son feitos, ó mesmo tempo que sinalou que tódalas propostas do programa do meu partido teñen data de realización.
A aposta pola banda ancha, a substitución da telefonía analóxica por radio (TRAC) e a conexión sen fíos mediante WiFi; a incorporación do acceso en banda ancha á totalidade dos centros educativos públicos e concertados antes do fin do 2005; potenciar o uso de Internet nas PEMES; ou acadar unha Sociedade da Información accesible a tódolos cidadáns son algunhas das propostas dos populares para os vindeiros anos. Doutra banda, 14 novos canles dixitais en aberto permitirán relanzar definitivamente esta tecnoloxía en España á par que permitirá un mais rico panorama de medios de comunicación.
A AETG solicitou un debate sobre o alcance do servicio universal: servicios a incluír, accesibilidade e custo. Tamén pediu coidar especialmente o sector industrial electrónico galego, moi por riba doutras rexións e potenciar as novas empresas de aplicacións, contidos e software mediante políticas activas de promoción. A capacidade das universidades galegas mediante o artellamento de centros de I+D+i en telecomunicacións; o desenvolvemento activo da administración electrónica; e unha maior financiamento da SI, foron tamén algunhas das propostas debatidas.
Na quenda de debate se abondou na responsabilidade das administracións en facer cumprir a lexislación sobre as infraestructuras de telecomunicacións nos edificios, contribuír a despexar a incerteza reguladora, facilitar a información ó cidadán e o despregue das redes móbiles e, en xeral, xogar un papel activo na construcción da sociedade da información en Galicia.
A mesa redonda concluíu co ofrecemento de tódolos partidos de poñerse a disposición do sector para calquera problema ou iniciativa que queiran presentar no futuro, ademais da confianza común nun desenvolvemento tecnolóxico para todos, que non leve a desigualdades. O Vicepresidente da AETG cerrou o acto poñendo a disposición de tódolos partidos e toda a sociedade galega ós profesionais do sector, a través da AETG, para colaborar lealmente no desenvolvemento da Sociedade da información en Galicia de xeito tal que a nosa rexión poda engancharse no tren das rexións mais desenvolvidas.
Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG)