Skip to main content

Os XIX Encontros de Educación para a Paz analizarán nesta edición o tema Violencia e medios de comunicación.

Os XIX Encontros de Educación para a Paz, que se desenvolverán na Escola Galega de Administración Pública entre o 24 e o 28 de marzo, adícanse nesta ocasión ao tema Violencia e Medios de Comunicación. Os encontros foron presentados esta mañá en Fonseca polo vicerreitor de Comunicación e Proxección Exterior, Luis Hueso, e o presidente do Seminario Galego de Educación para Paz, Manuel Dios Diz.
O encontro, enmarcado no tratamento que sobre este tema vén facendo o Seminario durante todo este ano académico, desenvolverase arredor de mesas redondas, conferencias e obradoiros, ademais de teatro infantil, un concerto e unha exposición. Segundo Dios Diz, preténdese facer un chamamento aos profesores para que incorporen os medios de comunicación non só como recurso didáctico senón tamén como obxecto de análise e estudio.
Nas distintas sesións está prevista a participación de especialistas e profesionais dos medios de comunicación como o catedrático da Autónoma de Barcelona Román Gubern, os corresponsais de guerra Fran Sevilla e Ana Expósito ou as xornalistas Olga Rodríguez e Mariola Cubells, así como profesionais de ensino secundario e especialistas en cuestións relacionadas coa violencia escolar e os menores, entre outros.
A conferencia de apertura dos Encontros de Educación para a Paz correrá a cargo da coordinadora do Departamento Científico do Centro Reina Sofía para o Estudo da Violencia (Valencia), Teresa Farinós de los Santos, que pronunciará a conferencia titulada A violencia nos medios: o estado da cuestión. Paralelamente ao inicio do programa dos Encontros, o mesmo mércores día 24, será inaugurada a mostra A Educación e a Cultura de paz en Galicia desde 1985 ata hoxe.
A participación nos XIX Encontros de Educación para a Paz será recoñecida pola USC cun crédito de libre configuración para os estudantes, e pola Consellería de Educación con 24 horas de formación no caso de docentes e titulados. As persoas interesadas poden atopar máis información sobre este encontro do Seminario Galego de Educación para a Paz na páxina web http://www.sgep.org/index2.htm. A matrícula permanecerá aberta ata o 23 de marzo.
Gabinete de Comunicación USC