Skip to main content

O próximo martes comeza unha campaña nos institutos para que os estudiantes coñezan os seus dereitos lingüísticos

As organizacións convocantes do paro estudantil para o próximo 28 de Abril comezarán o próximo martes cunha campaña para lles achegar aos alumnos e alumnas de secundaria unha ampla información sobre os seus dereitos lingüísticos. Esta campaña, que consistirá na celebración de charlas en institutos e na difusión de folletos e cartaces, centrarase na difusión do Decreto 247/95, que desenvolve a Lei de Normalización Lingüística para a súa aplicación no ensino non universitario. Esta norma legal, a pesar de levar nove anos en vigor, é aínda incumprida nun 75% dos centros.
A Mesa, Galiza Nova, CAE e Mocidade pola Normalización Lingüística difundirán polos institutos material gráfico cun esquema dos contidos do Decreto 247/95, para achegar mellor esta lei aos estudantes. Aínda que no esquema que se difunde se indica o estipulado para todo o ensino non universitario, no resto dos materiais e accións da campaña farase especial fincapé no relativo aos tramos de secundaria, por ser o que afecta directamente aos alumnos e ás alumnas a que vai dirixida esta iniciativa. Así mesmo, xunto con esta información, farase un chamamento aos estudantes para que secunden o paro e as manifestacións que se van celebrar o día 28 de Abril, para demandar o cumprimento desta norma legal.
MATERIAS E ÁREAS QUE O DECRETO 247/95 ESTIPULA QUE SE DEBEN IMPARTIR EN GALEGO:
EDUCACIÓN INFANTIL E 1º CICLO DE PRIMARIA:
Utilizarase a lingua materna predominante entre o alunado. Terán en conta a lingua ambiental e coidarán que adquiran de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galiza, dentro dos limites proprios da correspondente etapa ou ciclo.
2º E 3º CICLO DE PRIMARIA:Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural. Outra área.
ESO: Ciencias Sociais (Xeografía e Historia). Ciencias da Natureza.
Ciencias Medio-ambientais e da Saúde. A optativa ofertada polo centro.
1º CURSO DE BACHARELATO: Filosofía. Tecnoloxía Industrial (Bacharelato de Tecnoloxía). Bioloxía e Xeoloxía (Bacharelato de Ciencias da Natureza e da Saúde). Historia do Mundo Contemporáneo (Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais). Debuxo Técnico (Bacharelato de Artes).
2º CURSO DE BACHARELATO: Historia. Debuxo Técnico, Tecnoloxía Industrial II (Bacharelato de Tecnoloxía). Ciencias da Terra e Medioambientais, Debuxo Técnico (Bacharelato de Ciencias da Natureza e da Saúde). Xeografía, Historia da Arte, Historia da Filosofía (Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais). Historia da Arte (Bacharelato de Artes).
BACHARELATO (OPTATIVAS): Ética e Filosofía do Dereito. Introdución ás Ciencias Políticas e Socioloxía. Historia e Xeografía da Galiza.
FORMACIÓN PROFESIONAL: Áreas de coñecemento teórico-práctico que faciliten a integración socio-laboral do alunado.
A Mesa pola Normalización Lingüística