Skip to main content

Comunicado do CPXG con motivo do Día Mundial da Liberdade de Prensa

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), corporación de dereito público que agrupa a 1.100 profesionais da comunicación, desexa facer público o seguinte comunicado coincidindo co Día Mundial da Liberdade de Prensa (3 de maio).
1.- O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) mantén viva a memoria e a solidariedade con todas a víctimas das guerras e do terror e, desde esa lembranza, proclama a necesidade de iniciativas e proxectos políticos capaces de superar, ou aminorar, a apelación á forza, a agresión ou a imposición como único medio para intentar resolver situacións conflictivas.

2.- Nesa relación de víctimas figuran os 130 xornalistas encadeados en todo o mundo e os 42 que resultaron mortos ou asasinados, principalmente en Asia e no Oriente Medio (guerra en Irak e o case eterno conflicto palestino-israelí). Nomes como os de José Couso, Julio Fuentes ou Ricardo Ortega fálannos dos enormes riscos asumidos por algúns dos nosos colegas.
3.- A vida dun xornalista ten, por suposto, o mesmo valor que a de calquera cidadán. Pero máis alá do terror xeralizado que buscaron, por exemplo, os autores do salvaxe atentado do pasado 11 de marzo contra a poboación civil en Madrid, a eliminación, o asasinato, ou a intimidación dun xornalista ten como obxectivo silenciar ou anular unha posibilidade de información. É dicir, un dereito da cidadanía toda.
4.- Os xornalistas debemos reivindicar a defensa da liberdade de expresión e o dereito á información ao servizo da cidadanía, dos seus dereitos e liberdades, argumento fundamental para a construcción e o fortalecemento dunha sociedade libre, plural e democrática.
5.- Como xa temos dito públicamente noutra ocasión, a garantía dos dereitos dos cidadáns require a defensa duns medios de comunicación libres, plurais, críticos e abertos á sociedade á que serven. A importancia da función social que presta o xornalista a través dos medios de comunicación, como elemento principal para o exercicio destes dereitos, esixe salvagardar permanentemente estes principios de calquera intento de restricción ou coacción procedente de toda forma de poder, así coma da súa posible degradación, producida pola súa eventual inobservancia ou adulteración por parte dos propios medios ou de quen traballan neles. Na súa condición de actores principais do exercicio dun dereito fundamental, do que son depositarios tódolos cidadáns, os profesionais da información deben desenvolver a súa función atendendo ao doble compromiso da responsabilidade, derivada da súa importante tarefa e do mandado da súa propia conciencia, dacordo co ordenamento constitucional e cos principios deontolóxicos da profesión xornalística.
6.- A intromisión dos poderes, políticos e económicos, non sen axudas e connivencias por parte dalgúns responsables dos medios de comunicación, crea dificultades e distorsiona o traballo dos xornalistas e, simultáneamente, o dereito da cidadanía a recibir unha información veraz. Esa intromisión limita as posibilidades dos xornalistas, reducidas tamén pola precariedade laboral e profesional na que moitos se ven obrigados a desenvolver o seu traballo. Niste senso, o CPXG reafirma máis unha vez o seus compromisos para propiciar acordos e iniciativas con administracións, empresas, comités e sindicatos para correxir ou superar esas situacións anómalas.
7.- O CPXG insiste na necesidade de abrir en sede parlamentaria, na sociedade e entre os profesionais o debate sobre a necesidade dun Estatuto Profesional que faga posible a eliminación de abusos e anomalías que xa temos denunciado dentro e fora de Galicia.
8.- Chamamos tamén a atención sobre a necesidade de reformar o marco legal de control e xestión dos medios de comunicación de titularidade pública e esperamos que as iniciativas anunciadas ao respecto polo novo goberno español poidan desenvolverse positivamente nun prazo razonable. A importancia e a influencia dos medios públicos necesita con urxencia esa adecuación.
9) En todo caso, lembramos que esas iniciativas deben contar sempre cos criterios dos profesionais da comunicación, a través das organizacións correspondentes, interlocutores imprescindibles para a correcta orientación das reformas anunciadas.
10.- Por último, nesta efeméride do Día Mundial da Liberdade de Prensa, reclamamos tamén o compromiso activo dos empresarios e xestores da comunicación e de todos os profesionais, de todos os xornalistas, para defender e promover comportamentos marcados polo compromiso ético e cívico que axude a preservar, garantir e acrecentar a liberdade de expresión e o dereito á información de toda a cidadanía.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia