Skip to main content

Manuel Vega Gómez asume o decanato do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Dacordo co disposto nos Estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), hoxe foi presentada e proclamada a candidatura á Xunta de Goberno da institución. Por se tratar da única candidatura presentada, logo de cumpridos e comprobados os trámites preceptivos, o órgano de goberno colexial procedeu a proclamala NOVA XUNTA DE GOBERNO sen necesidade de votación.
O novo equipo de goberno está encabezado por XOSÉ MANUEL VEGA GÓMEZ, como DECANO, e xunto con el figuran: Antón Luaces Teixido, vicedecano; Fernando Varela Bibián, secretario; e Darío Janeiro Pereira, tesoureiro.
Como vocais: Luis Álvarez Pousa, Francisco González Sarriá, Elvira Varela Fernández, Xosé Andrés Vázquez Hermida, Ainhoa Apestegui Beriain, Anxo Quintela González, Sonia Vizoso Pérez, Rebeca Romero Rodríguez, Juan Freire Besteiro, Elva Otero Radío, Manuel Vilas López e Xurxo Salgado Tejido.
A presentación dunha única candidatura posibilitou a súa proclamación como NOVA XUNTA DE GOBERNO sen necesidade de votación, polo que xa non terá lugar a xornada electoral, prevista en principio e regulamentariamente, para o vindeiro 25 de maio.
O Decano sainte, Xosé María García Palmeiro, subliñou, no nome dos órganos de goberno da institución, o traballo desenvolvido polo equipo por el presidido, que fixo posible a posta en marcha, a consolidación e a institucionalización desta corporación de dereito público, creada hai agora catro anos gracias á determinación, a participación e o apoio da inmensa maioría dos profesionais da comunicación en Galicia.
Palmeiro agradeceu o traballo e a colaboración de todos os integrantes da primeira Xunta de Goberno e do primeiro Pleno Territorial (que tamén deberá ser renovado próximamente), o apoio decidido de todos os profesionais e a colaboración dos medios de comunicación de Galicia.
É moito o feito nestes primeiros catro anos e, partindo desa realidade, o Colexio aborda agora unha nova fase de iniciativas, proxectos e servicios da man dun bó equipo, encabezado polo meu amigo Xosé Manuel Vega Gómez, con quen compartín e comparto outros compromisos e a quen ofrezo toda a colaboración e desexo o éxito que merece unha institución creada pola vontade dos xornalistas galegos, afirmou Xosé María Palmeiro.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia conta actualmente con 1.099 integrantes. É o segundo creado en España despois do Col.legi de Periodistes de Catalunya, con quen comparte importantes proxectos de cooperación, entre eles a creación do Consejo de Colegios de Periodistas de España.

 
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia