Skip to main content

Primeira medida importante para que se cumpra o Decreto 247/95

A Mesa, Galiza Nova, Comités Abertos de Estudantes e Mocidade pola Normalización Lingüística valoran esta medida como o éxito máis importante conseguido en política lingüística na última década, por se tratar o ensino dun sector estratéxico no proceso de recuperación e extensión social do idioma galego.
A SITUACIÓN DA LINGUA GALEGA NO ENSINO
No presente curso escolar, A Mesa pola Normalización Lingüística fixo un seguimento do nivel de cumprimento do Decreto 247/95, que regula as materias mínimas a impartir en galego no ensino non universitario. Unha vez contrastada unha importantísima vulneración desta norma (un 75% dos centros de ensino incúmprena), tomouse a decisión de denunciar á inspección educativa por neglixente. Tras esta denuncia, os servizos da inspección comezaron a cumprir coa súa obriga de velar polo cumprimento do Decreto (por vez primeira desde que esta norma foi promulgada), visitando os centros de ensino e pedindo informes sobre a situación.
Ademais da vía xudicial, A Mesa promoveu unha mobilización social de estudantes de secundaria, convocada conxuntamente coas organizacións xuvenís Galiza Nova, Mocidade pola Normalización Lingüística e Comités Abertos de Estudantes. Máis dun 85% dos alumnos e alumnas pararon os institutos o día 28 de Abril, demandando civicamente o cumprimento da lexislación vixente a respeito do idioma galego no ensino.
Ese día, as organizacións convocantes do paro anunciaron que lle daban de prazo á Consellaría de Educación até o 3 de Maio para que efectivizase o cumprimento do Decreto 247 para o próximo curso escolar ou, do contrario, convocaríase unha nova mobilización estudantil para a semana das Letras Galegas. Como resposta a este ultimato, as inspeccións educativas provinciais enviaron unha circular aos centros de ensino, datada o día 3 de Maio, co seguinte texto:
Tal e como se lle indicou na visita realizada ao seu centro, con motivo de seguir o cumprimento do proceso de normalización lingüística, que establece o Decreto 247/95, é preciso que antes do 20 de maio do actual poidamos dispor do compromiso de solventar as anomalías detectadas neste aspecto, con vistas ao curso 2004/05, asinado polo profesor implicado, Xefes dos Departamentos correspondentes e Director/a, tanto no que atinxe a recomendación de libros de texto, como á lingua na que debe ser impartida a docencia. O que se comunica aos efectos oportunos.
A circular da Inspección Educativa pon tamén de manifesto que o Conselleiro de Educación mentiu conscientemente cando o día 28 de Abril afirmaba que non había razóns para a folga porque o Decreto se estaba a cumprir.
Ademais, A Mesa considera que a Inspección e o Goberno non poden botar simplemente a pelota ao tellado do profesorado. A Consellaría de Educación debe garantir, por exemplo, a existencia de material pedagóxico diverso para a impartición en galego das materias estabelecidas pola lexislación.
CAMPAÑA DE PARABÉNS AOS ESTUDANTADO
As organizacións convocantes do paro estudantil comezaron estes días cunha campaña nos institutos felicitando aos alumnos e ás alumnas polo éxito conseguido e pola súa demostración de responsabilidade ante un Goberno irresponsábel. Cada estudante que participou na folga contribuiu de xeito inestimábel para que mude esta situación de desprezo pola lingua galega. Ademais, nos materiais editados para esta campaña advírtese: Aínda así, debemos estar atentos. Na Xunta de Galiza deben saber que se o cumprimento da legalidade non se produce VOLVEREMOS Á FOLGA. Mais hoxe estamos de PARABÉNS!
A MESA CONTINÚA A FACER SEGUIMENTO
A Mesa observará no mes de Xuño cales son os libros de texto seleccionados para o curso 2004/05, para contrastar se por vez primeira conseguimos que se cumpra a lexislación no referido aos materiais pedagóxicos. Hai que recordar que, no presente curso escolar, un de cada tres institutos non tiñan en galego libros de texto que deberían estar no noso idioma.
Ademais, o seguimento ampliarase xa no proprio comezo do curso escolar. No caso de que o Decreto 247 se continuase a incumprir, faríamos unha nova convocatoria de mobilización, sen descartarmos outras posíbeis medidas xudiciais como as xa tomadas contra a Inspección Educativa. Asumimos a controversia frente a Administración Educativa de todas as accións que poidamos tomar o próximo curso escolar, afirman desde A Mesa.
A Mesa pola Normalización Lingüística