Skip to main content

A Mesa insta á Xunta a que galeguice todos os seus programas informáticos

A Mesa enviou unha carta ao Presidente da Xunta de Galiza e ás principais institucións galegas (deputacións, universidades e grandes concellos) facendo un chamamento para que, ante este novo fito para a extensión social do noso idioma, se proceda á galeguización plena de todo o software que utilicen.
A Mesa pola Normalización Lingüística, que leva desenvolvendo moitas campañas para lograr a tradución de Windows ao galego, deu a coñecer en febreiro a noticia de que a interface no noso idioma deste sistema operativo se podería descargar gratuitamente antes do verán. Ademais, tal e como lles informaron desde Microsoft e despois confirmou a propia Xunta, axiña estará tamén disponíbel a versión galega de Office.
Igual que no seu día nos movemos para que a Xunta negociase con Microsoft, agora moverémonos para garantir que a Administración autonómica utilice este software galeguizado, anuncia Carlos Callón, presidente da Mesa. Así, este colectivo fai un chamamento especial á Administración autonómica para que alí onde utilice Windows, se aplique a versión no noso idioma e, ademais, que se tomen as medidas necesarias para galeguizar plenamente o seu software. O que non pode ser é que, igual que noutras ocasións, a Xunta de Galiza participe en proxectos de normalización do galego e que despois unha grande parte dos seus servizos administrativos (tamén os vinculados a eses proxectos) non fagan uso do galego.
Neste sentido, A Mesa observa as principais necesidades na administración sanitaria e na de Xustiza, pois os programas informáticos máis utilizados nestes ámbitos carecen aínda a estas alturas de versión en galego, o que dificulta ou impide o uso do noso idioma por parte do funcionariado e a cidadanía.
A Mesa pola Normalización Lingüística