Skip to main content

Ante a celebración de diversos actos relacionados con Emilia Pardo Bazán, a Mesa pola Normalización Lingüística considera que a RAG debería ter outras prioridades

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística consideramos que os galegos e as galegas necesitamos coñecer, e profundamente, a obra de Emilia Pardo Bazán, mais dubidamos seriamente de que este sexa o cometido da RAG. É chamativo que esta institución conmemore tan entusiasta e activamente esta escritora, cando nunca organizou un ciclo de actividades semellantes nin coa fundadora da literatura galega, Rosalía de Castro, nin con Manuel Murguía, o Presidente fundador da Academia.
Sorprende que unha institución que se debería centrar na difusión e investigación sobre a cultura e a literatura galegas, se dedique á promoción de figuras consolidadas dunha literatura consolidada como é a española. A pesar de estar nun dos mellores momentos da súa historia, á RAG fáltanlle reflexos para priorizar as súas conmemoracións de xeito que repercutan positivamente no presente da cultura galega.
A MESA ENVÍA UNHA CARTA AOS ACADÉMICOS E ACADÉMICAS
O Presidente da Mesa, Carlos Callón, enviou hoxe unha carta a todos os académicos e académicas da RAG para lles solicitar que se posicionen ante estes actos. Nesa misiva, convídase a RAG a centrarse na promoción da cultura galega, propóndolle que se organicen actos de investigación e difusión de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, entre outros.

Así mesmo, A Mesa considera que a RAG, con máis razón que no caso de Pardo Bazán, debería preocuparse de achegar aos galegos e galegas as figuras de investigadores e escritores portugueses que foron grandes amigos da Galiza, como Rodrigues Lapa, Teófilo Braga ou Leite de Vasconcelos. Estes dous últimos foron membros correspondentes fundadores da RAG e son tan descoñecidos actualmente no noso país como o pode ser un escritor chinés.
Mesa pola Normalización Lingüística