Skip to main content

Investigadores da USC estudan o risco cardiovascular e de diabetes en mulleres trala menopausia

Investigadores da Unidade de Enfermidades Tiroideas e Metabólicas do Departamento de Medicina da USC desenvolven un proxecto para estudar o risco cardiovascular e de diabetes en mulleres post menopáusicas. O equipo parte da hipótese de que teñen máis probabilidades aquelas que acumulan unha maior cantidade de graxa abdominal. A causa estaría nunha alteración na adipoxénese condicionada xeneticamente que desencadearía o déficit de estróxenos e sería distinta nas diferentes rexións corporais.

Titulada ‘Influencia da adipoxénese rexional sobre os determinantes de risco cardiovascular en mulleres post-menopáusicas: unha aproximación fenómica ao síndrome metabólico’, a investigación pretende definir estratexias que permitan caracterizar en detalle aos distintos subgrupos que constitúen a poboación afectada.

O traballo, coordinado polo profesor David Araújo-Vilar, vén de ser galardoado co III Premio en Saúde da Muller, categoría Sanitaria, que concede a Fundación Pfizer. Dotado con 6.000 euros, o docente doou esta cantidade económica á Sociedade Española de Lipodistrofias.

Caracterización de subgrupos de mulleres

O establecemento dos subgrupos de mulleres permitirá facer unha caracterización fenotípica “máis fina” –apuntan os investigadores- mediante a identificación de marcadores antropométricos e bioquímicos. Tamén facilitará liñas de prevención da diabete mellitus tipo 2 e das doenzas cardiovasculares aterosclerosas máis agresivas. Ademais, identificados estes agrupamentos, planearanse estudos de intervención terapéutica máis eficaces e identificaranse posibles dianas terapéuticas.

Outro dos obxectivos dos científicos é presentar á Consellaría de Sanidade un plan de prevención da diabetes mellitus e das enfermidades cardiovasculares aterosclerosas dirixido especificamente ás mulleres post menopáusicas de alto risco.

A lipodistrofia parcial familiar

Nos últimos anos, o equipo tamén profunda nos mecanismos responsables da perda de tecido adiposo nunha doenza rara, a lipodistrofia parcial familiar, que constitúe un modelo monoxénico do síndrome metabólico. Esta enfermidade presenta similitudes co que lles sucede a algunhas mulleres cando chegan á menopausa. Así, e como apunta David Araújo-Villar, en ambos casos existe distribución androide da graxa corporal ou aumento do risco de enfermidades cardiovasculares, entre outras características comúns.

O grupo de investigación

A Unidade de Enfermidades Tiroideas e Metabólicas do Departamento de Medicina da USC constitúe un grupo emerxente que ten como liñas de investigación o estudo das bases moleculares das enfermidades tiroideas e as relacionadas co metabolismo do tecido adiposo.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)