Skip to main content

Homenaxe ao boxeador galego José González Dopico

O Concello de Ferrol acolle o 7 de xuño unha velada homenaxe ao púxil ferrolán, finado hai agora un ano, José González Dopico. O edil de Deportes, Manuel Santiago, presentaba esta mañá o evento acompañado do seu fillo, José González; do debuxante e amigo persoal, Siro López, e do director técnico da actividade, Francisco Porto. Asemade, e coincidindo co acto en memoria a este deportista, disputarase o Campionato de España deste deporte na modalidade de peso Super Welter. Será no pavillón da Malata, a partir das 22.30 horas e está organizado polo Padroado de Deportes do Concello de Ferrol e o Clube Boxin Narón, coa colaboración de varias firmas e entidades da comarca.

Así as cousas, o edil definía o evento como “un acto entrañable e unha merecida homenaxe” a un deportista excepcional e lamentábase por non terllo feito en vida. Asemade, anunciou que o Concello se sumará ás peticións que reclaman que a Federación Española de Boxeo lle recoñeza o seu palmarés como campión de España. E, ao fío desto, o seu fillo afirmaba que “de seguro” lle faría moita ilusión que o seu pobo recoñecera os méritos acadados como deportista, “unha espiña” que tivo clavada ata o seu falecemento.

Superdotado, calado e incómodo. Estes foron os tres adxectivos que empregou Siro López para definir ao seu grande amigo, do que tamén dixo que tiña a mellor esquerda de toda Europa. “Un home chamado a ter un futuro esplendoroso que a desgracia llo impideu”, engadiu para relatar a continuación que Dopico foi o primeiro boxeador galego en disputar un Campionato de Europa, concretamente o 5 de novembro de 1973, contratado por Alain Delon. Un accidente no que mancou a súa man dereita e a súa expulsión do equipo que asistiu ás Olimpiadas de Tokio por escaparse do lugar de concentración ensombreceron unha carreira brillante. Asimesmo, Siro López tamén destacaría a falta de oportunidades que tivo o púxil ferrolán para ascender no ránking europeo e mesmo mundial. José González Dopico retiraríase no ano 1975 para comezar a súa andaina como funcionario público do Concello ferrolán.

Pola súa banda, Francisco Porto adiantou que a velada homenaxe a Juan González “Dopico” acollerá a disputa do Campionato de España do peso Super Welter que enfrontará a Iván Sánchez “Dinky” e Juan Martínez Bass “el Payo”. Así mesmo, haberá oportunidade de presenciar outros catro combates de boxeo profesional. Sobre o ring estarán o ex campión do mundo Diosbely Hurtado e os púxiles Tomás Álvarez, Iago Díaz, Llamazares, Jesús Ferreiro “Cachorro”, Benjamín Robles e Juan Zapata. Dous combates neoprofesionais e un de afeccionados completan o cartel.

Respecto ás entradas, o director técnico do evento avanzou que xa se encontran á venda ao prezo de 15 euros as cadeiras e 10 na bancada. O seu custo se incrementará en tres euros para quen as retire o mesmo día do combate. Os puntos de venda: Spot Surf Shop Ferrol; Leder; Café Bar a Zarra, en Caranza; Café Bar Grandal, en Freixeiro; Xinmasio Sport Five de A Gándara, e Ximnasio BeniGym de O Ponto.

Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol