Skip to main content

CC.OO. denuncia graves irregularidades na adxudicación de destinos en Educación

A Federación do ensino de CCOO de Galicia non pode máis que denunciar a situación que se está a dar nos centros de ensino galegos logo das adxudicacións de destinos provisionais de docentes para o curso 2008/2009. A falta de rigor ou a incompetencia da Consellería de
educación e O.U. da Xunta de Galicia está a provocar graves disfuncións nos centros educativos galegos:

1.- O PROFESORADO DE CONSERVATORIO NON PODE RECLAMAR.
Ao Profesorado de Conservatorios adxudicóuselles destino directamente na adxudicación definitiva limitándolles a posibilidade de reclamar na adxudicación provisional e lesionando os seus dereitos.

2.- PROFESORADO EN PRÁCTICAS SEN DESTINO.
O profesorado que superou o pasado concurso oposición atópase agora con que a Consellería non lles adxudica destino realizar a fase de prácticas, requisito imprescindible para ser nomeados funcionarias/os de carreira. No momento de negociar a oferta de emprego presentada pola Consellería, CCOO insistiu en que respondese a unha planificación educativa axeitada e realista coa situación do ensino en Galicia. Logo desta situación semella que a Consellería non é capaz de xestionar os seus recursos e necesidades de persoal.

3.- MAIS CENTROS ADSCRITOS PARA AS ORIENTADORAS/ES.
As orientadoras/es que participaron na elección de destinos provisionais para o curso 2008/2009 atópanse agora con que o número de centros adscritos á súa praza modifícase ostensiblemente á alza e en nada se semellan ao ofertado. Mesmo parece que a “austeridade presupostaria” chega ao ensino galego en detrimento dun ensino público de calidade e coas repercusións laborais que supón. Esta situación xa foi
denunciada por CCOO, sindicato que nunca apoiara este tipo de políticas apostando sempre por uns servizos públicos de calidade.
Oficina de Prensa de CC.OO.