Skip to main content

Os libros sobre as vidas de Angelita e Anxo Guerreiro, novidades editoriais da F10M

O mundo de Angelita. Unha vida de loita con nome de muller é o resultado de vinte horas de entrevistas que se realizaron co obxectivo de coñecer a vida de Ángeles Fernández Dopico, 'Angelita', mugardesa que traballou na Fábrica de Lápices de Ferrol e tamén en Bazán. Casada co militante comunista Paco Filgueiras, Angelita loitou polos dereitos da clase traballadora e sufriu na súa pel a represión, chegando ao exilio logo dos sucesos do 10 de Marzo de 1972.

A biografía preparárona as profesoras Josefina Leal e Beatriz Varela e constitúe a cuarta achega da colección Testemuños da F10M. Na publicación colabora a Deputación da Coruña.

Continuación dunha homenaxe

O outro libro é unha continuación escrita da homenaxe que recibiu o 14 de abril de 2007 o político e ex deputado Anxo Guerreiro Carreiras. Resultado daquel acto foi a edición dun DVD que recolleu as imaxes e intervencións das persoas que tomaron a palabra aquel día no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Para facer realidade o compromiso que adquiriu naquel acto, a F10M, en colaboración coa Consellaría da Presidencia, acaba de publicar un libro sobre a figura de Anxo Guerreiro. Ademais dun importante apartado gráfico con documentos e fotografias —moitas delas cedidas por Xosé Abad—, a obra inclúe unha biografía do homenaxeado, unha escolma das súas intervencións parlamentarias e cincuenta dos artigos que
publicou na prensa.
Fundación 10 de Marzo