Skip to main content

DEGA defende a alternativa do transporte público

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza –ADEGA manifesta unha vez máis o seu rexeitamento á construción dun viaduto sobre a Ría de Noia, pola gravidade do seu impacto ambiental e social e por afondar en políticas de transporte insustentábeis, responsábeis de boa parte dos problemas de contaminación ambiental e de aumento do efecto invernadoiro. ADEGA apoia a marcha convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Noia convocada para mañán domingo 11 de xullo que sairá ás 12 h desde Eiroa.
O trazado proposto pola Consellería de Obras Públicas para a variante de Noia atravesa o espazo Esteiro do Tambre, incluído na proposta para a Rede Natura 2000, e supón un impacto inadmisíbel sobre a súa riqueza natural. O viaduto que se pretende construír sobre a ría de Noia terá efectos directos sobre a circulación de correntes no esteiro e afectará gravemente aos sedimentos ao longo do proceso construtivo. Ademais, a nova variante provocará unha importante deterioración na calidade do aire da zona debido ás emisións de partículas, metais pesados e gases. O ruído provocado pola construción e o posterior emprego da variante, superarán amplamente as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).
Esta deterioración da calidade ambiental pode ter efectos non cuantificados sobre o atractivo turístico da vila de Noia, cunhas consecuencias económicas por avaliar. A nova estrada irrompe na liña de costa, destruíndo definitivamente o horizonte marítimo de Noia e estragando un dos seus principais valores, o paisaxístico, polo de atracción turística e elemento intrínseco da configuración da urbe e da calidade de vida dos seus habitantes.

Máis transporte público, menos coches
Foi reiteradamente comprobado que a construción de infraestruturas de transporte xera un aumento automático do tráfico rodado, inducido pola axilidade inicial da circulación. Esta fluidez vese axiña freada polo incremento do tráfico, anulando nun período curto de tempo as supostas vantaxes da infraestrutura e convertendo os novos viais en fonte de atascos. Exemplos destes feitos hainos abondosos en Galiza: vía rápida do Barbanza, vía rápida do Salnés, circunvalación de Santiago, etc.

Os problemas de tráfico da península do Barbanza veñen da man da concentración de viaxes no verán con destino ás praias, na súa meirande parte orixinarios da comarca de Compostela. É, en definitiva, un fluxo exclusivamente de persoas, perfectamente xestionábel cunha proposta seria de transporte público colectivo, mediante un tren/tranvía de cercanías e/ou un servizo reforzado permanente de autobuses. Calquera destas propostas suporía un aforro orzamentario considerábel e unha iniciativa de desenvolvemento sutentábel, transvasando usuarios/as de automóbil ao transporte público e optimizando deste xeito as infraestruturas xa construídas.
Adega