Skip to main content

O CPXG lamenta o peche das delegacións do gratuito ADN en Galicia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
(CPXG) quere expresar publicamente a súa fonda preocupación polas
consecuencias que a crise económica está a ter no sector da
comunicación. Tralo anuncio do fin das emisións de Localia Televisión,
agora é a empresa Planeta a que decidiu pechar as delegacións do
xornal gratuíto ADN na Coruña e Vigo.

O CPXG entende que o despido de persoal –catro redactores e dous
fotógrafos no caso de ADN en Galicia- debe ser sempre a derradeira
medida e que non debe tomarse sen estudar antes outras alternativas.
As decisións de Prisa e Planeta non deberan abrir a porta a unha
cascada de peches, como se a primeira solución posible fose unicamente
cesar a actividade e deixar a xente na rúa.

Novamente é un gran grupo de comunicación o que adopta unha medida
traumática, cando debera ter recursos de abondo como para recolocar os
traballadores afectados, se é que o peche é a única saída posible.

Esta Xunta de Goberno considera ademais que as formas empregadas polos
directivos de ADN non foron neste caso as correctas, xa que os
traballadores foron avisados con tan só un día de antelación, segundo
os propios afectados.

Radio Sada

Por último, o Colexio de Xornalistas desexa que o acordo do pleno do
Concello de Sada de aprazar a decisión sobre o peche da emisora
municipal sirva para que o Goberno local atope outras solucións que
permitan o mantemento da súa actividade e dos catro postos de traballo.

Esta Xunta de Goberno enviou o pasado mércores unha carta ó alcalde de
Sada, Abel López Soto, na que lle expresaba o desexo do CPXG de que a
emisora municipal retomase a actividade.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)