Skip to main content

A Fundación Lydia Cacho comeza a súa xira de presentación en Santiago

A Fundación Lydia Cacho, organización en defensa das persoas perseguidas ou en situación de perigo que co seu traballo loitan contra a corrupción e a favor dos dereitos humanos, comezou en Santiago, unha xira que pretende dar a coñecer o seu traballo en todo o Estado, nun acto organizado pola Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela.

Esta iniciativa nace para a defensa da propia Lydia Cacho, prestixiosa xornalista mexicana que foi perseguida e encarcerada por sacar a luz pública informacións sobre corrupción e pederastia no seu país. Concretamente, a súa obra "Los Demonios del Edén' desatou un escándalo político en México pola inculpación destes delictos a importantes personalidades con responsabilidade pública, entre eles o propio gobernador do estado de Puebla, Mario Marín Torres ou o empresario Kamel Nacif.

Debido a estas acusacións, a xornalista foi secuestrada e encarcera ilegalmente. Na actualidade a Fundación que leva o seu nome tenta dar a coñecer ao mundo o caso de Lydia Cacho buscando financiación para costear o proceso de defensa xudicial no Tribunal Internacional da Haia, e loitando a favor da liberdade de expresión en todo o mundo e especialmente en países conflictivos para os xornalistas como é o caso de México.

A súa presidenta executiva, Alicia Luna, asegurou que Galicia “é un bo punto de partida”, polas vinculacións históricas entre a comunidade galega e México, aínda que admitiu que a colaboración do actor Luis Tosar e da presidenta da Federación de Asociacións de Periodistas de España, natural de Vigo, foron determinantes.

A fundación financiase a través das doazóns económicas particulares así como mediante a organización de actos, concertos e exposicións de pintura. O 22 de xaneiro, os grupos The Ellas, The Vitor Coyote, Kimuru e The Homens actúan na Sala Nasa en beneficio desta organización.

Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela