O temporal derruba a árbore en memoria de Otero Pedrayo
Igual que noutros puntos de Galicia, os ventos afuracanados fixeron algúns estragos en Trasalba, na casa grande de Cimadevila, sede da Fundación Otero Pedrayo no concello de Amoeiro (Ourense). Entre outras desfeitas de menor entidade (varias tellas levantadas e algúns desperfectos nas cubertas da casa), o vento tronzou a árbore que lembra a memoria de Otero Pedrayo neno.
Cando naceu don Ramón, en marzo de 1888, o seu pai prantou unha árbore no xardín da casa. Sempre se dixo que era unha araucaria. En realidade era un pinsapo, que medrou corpudo e fermoso a carón do fogar, acompañando a vida do neno durante anos. “O meu irmanciño”, gustaba de dicir Otero referíndose a el.
En 1972, unha forte tormenta derrubou a árbore. Otero Pedrayo considerou o feito coma un anuncio do final. “Levábamos toda a vida xuntos”. Ao pouco tempo, en 1976, finaba o señor de Trasalba. Os responsables da Fundación volveron prantar daquela outro pinsapo, practicamente no mesmo lugar onde estivera o anterior. Medrara grande, coma o seu predecesor, á beira da solaina. O vento volveu abatelo estes días, estragando tamén unha parte do emparrado.
“Volveremos poñer outro”, anuncia a directiva da Fundación Otero. Igual de preocupantes son os estragos no tellado, polas consecuencias que poida trer para o mantemento da obra civil. Na casa de Cimadevila consérvanse a meirande parte dos obxectos persoais de Otero, así como a súa biblioteca persoal, que está a ser catalogada. Contra finais de xuño, celébrase alí todos os anos o Premio Trasalba (no derradeiro domingo do mes de San Xoán), homenaxe a unha figura que se teña significado a prol da cultura galega, seguindo o espírito dos homes da xeración Nós.

Paula García Márquez (Comunicación Editorial Galaxia)