Presentada unha publicación sobre o alzheimer que afecta en Galicia a máis de 165.000 familias

Presentouse en Santiago un novo manual de consulta dirixido a aquelas persoas dedicadas ao coidado de enfermos con Deterioro cognitivo lixeiro ou demencia. O seu autor e director da Unidade de Neuroloxía cognitiva da Rosaleda, leva máis de 15 anos dedicado a esta área da Neuroloxía, polo que coñece á perfección a situación na que se atopan tanto os enfermos afectados como os seus familiares e coidadores, que moitas veces se ven “incapaces de facer fronte á dura carga que supón unha doenza deste tipo”.
De aí xurdiu a idea de realizar este “Manual de información e consellos para os convivientes do enfermo”, unha publicación que limitou a súa complexidade e extensión para ser “sinxelo e funcional” pero que condensa toda a información necesaria para facer fronte ao coidado diario dun enfermo con demencia. Ademais, constitúe unha base excelente para a formación especializada de profesionais, moitos dos cales acudiron á presentación do libro.
Entre os presentes había, ademais de destacados neurólogos e psiquiatras, directivos e traballadores de asociacións de familiares de enfermos como Agadea, Afaco ou Afaga e persoal de diversas residencias compostelás como Porta do Camiño, Mapfre ou Atendo, así como traballadores sociais de diversos concellos, representantes do Colexio Médico da Coruña e profesores da Facultade de Medicina de Santiago encabezados polo seu rector, José M. Fraga. O acto, que contou coa presenza do Dr. Gerardo Fernández Albor, presidente da Fundación La Rosaleda, contou coa presenza da conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, quen felicitou ao autor polo seu traballo e o seu compromiso cunha enfermidade que afecta cada vez a máis familias.
Tal como recordou o Dr. Robles na presentación, “máis de 100.000 galegos sofren Deterioro cognitivo lixeiro, ao redor de 40.000 padecen demencia e 25.000 Enfermidade de Alzheimer. Se a isto sumamos que cada ano diagnostícanse ao redor de 40.000 novos casos “temos unha clara idea da magnitude que está alcanzando esta doenza”.
“Para unha maior comprensión”, destacou o Dr. Robles, “a obra divídese en varios capítulos abarcando e profundando en temas asistenciais, legais e psicolóxicos de obrigado coñecemento para entender e abordar este problema sociosanitario, que ten importantes repercusións nos individuos, na familia e na sociedade”. A continuación o autor fixo un rápido repaso do manual debullando os principais aspectos que trata.
Así, tras uns primeiros datos máis teóricos sobre a demencia, o autor explicou como se estrutura o libro en función das diversas necesidades do enfermo: problemas de comunicación, dificultades para durmir, alteracións durante o día, alimentación, aseo, control de ouriños e feces, así como consellos xerais para o enfermo e para o coidador e datos de asociacións e lugares onde poden atopar máis información sobre este tema.
Tampouco se esqueceron aspectos legais de suma importancia nestes casos, como a incapacitación laboral ou xudicial, a garda de feito ou unha das situacións máis habituais: pode facer testamento un enfermo con demencia? O autor do libro, o Dr. Robles, é redactor e relator do Documento Sitges, dedicado precisamente a este tipo de cuestións, polo que coñece perfectamente este ámbito no que se funden aspectos legais e sanitarios.
Ademais cada un dos temas vai ilustrado, o que axuda a comprender algúns dos conceptos explicados facendo máis amena e cómoda a consulta. A publicación sairá á venda a próxima semana en Galicia e será distribuída no resto do Estado por unha multinacional farmacéutica que adquiriu os dereitos da mesma