Skip to main content

O SLG oponse á intención da OMC de desmantelar as políticas agrarias coa liberalización do comercio

O pasado 31 de xullo os países membros da Organización Mundial do Comercio chegaron a un acordo para avanzar na liberalización comercial a escala mundial; dentro deste marco tivo especial relevancia a liberalización do mercado internacional de productos agrarios. Este acordo, en contra do que se afirma dende a propia Organización Mundial do Comercio, supón un duro golpe para a agricultura familiar europea e non significará mellora algunha para os produtores e as sociedades dos países en vías de desenvolvemento.
O SLG non só rexeita o contido do acordo, senón que denuncia que se teña chegado a el, precisamente, o último día do mes de xullo, cando a cidadanía está menos pendente da actualidade e ten menos capacidade de resposta. Este proceder subliña o carácter pouco democrático da OMC, que aplica o rodete liberalizador para facilitar o camiño ás empresas multinacionais, que son as que realmente quitan proveito das súas disposicións.
A apertura do mercado agrícola beneficiará ás multinacionais deste sector, xa que permitirá a estas producir con baixos custes en países menos desenvolvidos, con man de obra explotada e modelos de producción nefastos para o medio ambiente e a seguridade alimentaria; e exportar esas partidas a rexións máis ricas, cunhas marxes comerciais elevadísimas, o que destruirá o tecido produtivo familiar dos estados que receben estas mercadorías, un tecido rural familiar que se basea nuns modelos respectuosos co entorno e que aseguran a calidade e seguridade dos alimentos.
O Sindicato Labrego Galego mantén que non se pode antepoñer a promoción dunha agricultura exportadora centrada en monocultivos sen asegurar un tecido produtivo estendido sobre a basee da poboación que vive e traballa no campo, baseado na diversificación de cultivos que cubran a maior parte das necesidades do País e sen potenciar a transformación alimentaria e os seus propios mercados internos. É necesario defender o concepto de soberanía alimentaria, entendido como o dereito de cada pobo a definir as súas propias políticas agrarias e alimentarias, xa que a experiencia demostrou os perversos efectos das zonas de libre comercio para os núcleos rurais, con miles de labregos obrigados ao abandono da súa explotación para desprazarse ás zonas urbanas.
O Sindicato Labrego Galego, do mesmo xeito que as organizacións que integran a Coordinadora Labrega Europea (CPE) e a Vía Campesina, defende a necesidade de dar prioridade á produción agraria local e rexional fronte á exportación, autorizar aos pobos a protexerse contra as importacións a baixo prezo, permitir axudas públicas aos labregos e labregas para apoiar a produción alimentaria para consumo interno, e garantir a estabilidade dos prezos agrícolas a escala planetaria mediante uns acordos internacionais de control da producción.
A liberalización da agricultura que tenta impoñer a OMC agudizou a crise das sociedades rurais e empobreceu ao meirande da poboación rural do mundo. O acordo agrícola da OMC servirá aos intereses das corporacións transnacionais, que son apoiadas polos seus Gobernos. A Unión Europea e os Estados Unidos forzarán regras que lles van a permiten continuar coa práctica do dumping (exportar a outros países a prezos inferiores aos custes de produción) que destrúe os mercados internos e locais dos cales dependen os labregos e labregas. Mentres tanto, os países importadores serán obrigados a reducir os seus aranceis e a eliminar a protección á súa agricultura que aínda sobrevivía.
Por mor de todo isto, o SLG seguirá opoñéndose á intromisión da OMC na agricultura, pois trátase dun eido vital para o ser humano en todo o planeta por ser a base da alimentación e o xeito de vida de millóns de persoas en toda a terra.
Sindicato Labrego Galego (SLG)