Skip to main content

600.000 euros de axudas para pais con xornada reducida e nenos menores de 3 anos

Os pais traballadores que, entre o 1 de setembro do ano pasado e ata o 31 de agosto de 2009, se atopen nunha situación de redución da xornada de traballo de ata un máximo da metade da duración daquela para o coidado dun fillo menor de tres anos, poderán solicitar ata o 31 de agosto as axudas económicas convocadas pola secretaría xeral da Igualdade.

A secretaría xeral de Igualdade, que convocou estas axudas no Diario Oficial de Galicia do 11 de xuño, destinará un total de 570.323 euros a esta medida, co obxecto de fomentar a corresponsabilidade e impulsar o cambio de roles diferenciados entre mulleres e homes, implicando aos pais na atención e o coidado dos seus fillos.

Axudas que van desde os 2.400 ata os 3.600 euros

As contías da axudas que se conceden e que serán aboadas nun pagamento único, van desde os 2.400 aos 3.600 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada laboral que se solicite e da duración desta, que será como máximo de oito meses.

Desde xeito, cando a redución da xornada sexa de ata o 33% da xornada laboral, e a súa duración sexa polo tempo máximo de oito meses, as axudas irán desde os 2.400 aos 3.000 euros; e cando a redución da xornada sexa superior ao 40% e ata o 50% da xornada laboral, e a súa duración sexa polo tempo máximo de oito meses, as contías irán desde os 3.000 ata os 3.600 euros.

Estas contías son as máximas aplicables aos casos nos que a redución da xornada corresponda a unha persoa contratada a xornada completa, polo que se o contrato é de duración inferior, as contías das axudas diminuirán proporcionalmente. Do mesmo xeito, cando a redución de xornada non se solicite polo período máximo de oito meses, as contías tamén se irán redución proporcionalmente.

Persoas beneficiarias

Estas axudas están destinadas aos pais traballadores tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes destas. E poderán, tamén, acollerse a elas os homes traballadores por conta allea, cando a súa parella traballe, tamén, por conta allea ou sexa autónoma.

Así mesmo, poden solicitar estas axudas as familias monoparentais, nas que a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada.

Requisitos

As persoas que queiran solicitar esta axuda económica deberán estar empadroadas en calquera municipio galego, o período solicitado non pode coincidir co permiso por maternidade, o fillo debe convivir coa persoa solicitante na data da solicitude e, por último, no caso de familias non monoparentais, o outro membro da unidade familiar deberá ser traballador por conta allea ou autónoma.

Duración

A concesión da axuda terá efecto desde o día do inicio do período de redución da xornada laboral e o tempo máximo da súa concesión será de oito meses.

O tempo mínimo de duración da redución de xornada deberá ser de sesenta días naturais e o tempo máximo é de oito meses.

Ata o de agora, o número de persoas beneficiarias ascende a 235, máis do 49 por cento das persoas solicitantes


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia