Skip to main content

As redes de espectáculos de Agadic ofrecerán case 600 funcións e concertos

As tres redes de distribución de teatro, danza, maxia e música que promove a Consellería de Cultura e Turismo a través da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) retomarán a súa actividade a partir de setembro para ofrecer ata finais de ano un total de 591 funcións e concertos, dos que 314 corresponden á Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), 172 á Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) e 105 á Rede Galega de Salas (RGS).

O programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios para este último cuadrimestre de 2009 inaugúrase o vindeiro día 1 coa representación do novo espectáculo de Títeres Trompicallo (Violeta Coletas contras As Salchichas Gulp) na Sala Bahía de Foz, estendéndose até o 30 de decembro por un total de 43 espazos xestionados por concellos e entidades privadas de toda Galicia. O circuíto exhibirá un total de 71 espectáculos a cargo de 63 formacións artísticas, 51 delas galegas. O cartel está configurado por unha ampla variedade de propostas artísticas, con 32 montaxes teatrais dirixidas a público adulto, 17 espectáculos de monicreques e de teatro de actor para público infantil, 11 de danza, 7 de música de cámara e 4 de maxia.

Público infantil

O teatro será tamén protagonista neste segundo período de programación da Rede Galega de Salas, cunha especial atención aos espectadores máis pequenos. Así, dos 35 espectáculos que poderán verse nos 6 espazos da RGS (ARTeria Noroeste, Sala Nasa e Sala Santart en Santiago, Teatro Arte Livre e Teatro Ensalle en Vigo, e Teatro del Andamio na Coruña), 20 corresponden á modalidade de teatro infantil, 11 a teatro para adultos e 4 a danza.

Canto á RGMV, circuíto que a AGADIC promove en colaboración coa Asociación de Salas de Música ao Vivo Clubtura, o calendario de concertos dará comezo o 3 de setembro coa actuación de Alberto Pérez no Garufa da Coruña. Un total de 70 grupos de diferentes estilos que van dende o pop e rock ata o blues ou a música electrónica configuran este programa, que se desenvolverá en 37 locais de toda Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia