Skip to main content

Agradecemento do Grupo Fonmiñá despois da XXXI Semana de Cine

Esta Semana revestíu para Fonmiá un carácter especial por varios motivos, tendo que subliñar alomenos a presencia en Lugo de Eduardo Fajardo e a colaboración do Grupo Achádego. E, naturalmente a homenaxe rendida ó Club Emeve (“Todos somos Emev”), coa proxección da película “La vida sin Grace” e a entrega dunha placa polo gravísimo accidente sufrido, no que morreron tres xogadoras e outras resultaron feridas.

Eduardo Fajardo, actor nado en Galicia con relevancia internacional, disfrutou do agarimo dos lucenses, da acollida institucional e amistosa das institucións e os seus representantes, e correspondeu con todos nós coa representación do monólogo “La guitarra y el tiempo” en Caixa Galicia, a presentación do libro “Eduardo Fajardo, o vilán do cine español”, e as repetidas manifestacións da súa grandeza persoal e cinematográfica durante catro intensos días. Compre destacar que deste libro tamén se fixo unha tirada en castelán – “Eduardo Fajardo, el villano del cine español”- para a súa distribución en México, onde é querido e admirado por todos.

A exposición que con motivo da súa participación na Semana se abríu na Sala de arte da Deputación Provincial, estará aberta durante toda esta semana.

Polo que se refire ó Grupo Achádego, puxo o contrapunto teatral á actividade cinematográfica, comezando pola montaxe efectuada diante do edificio da Deputación Provincial con motivo da presentación oficial da Semana, e culminando coas cinco representacións no Auditorio nos momentos previos ás proxeccións do ciclo oficial, dando vida teatral a cinco momentos estelares do cine galego e mundial. Sen esquecer o paseo por Lugo de persoeiros cinematográficos como Marilyn ou Charlot, que fixeron patente diante dos lucenses que a cidade vivía xornadas especiais de convivencia cinematográfica.

Esta Semana aínda non rematou verdadeiramente, xa que – coa colaboración especial da Vicepresidencia primeira da Deputación Provincial de Lugo - vanse ofrecer proxeccións en Mondoñedo e Burela da película francesa “La Clase”, gañadora do gran premio de Cannes en 2008. Preténdese crear ambiente cinematográfico en pobos lucenses que en tempos tiveron cine e xa non o teñen na actualidade, como un xermolo de futuras accións nestas e noutras localidades da provincia de Lugo.

Gracias a todos no nome do Grupo Fotocinematográfico Fonmiá.

Xulio Xiz (presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá)