Skip to main content

Camiño Solidario

Con este programa, que baixo o lema Deixa a túa pegada no Camiño trata de achegar a Universidade e o seu compromiso social ao rural, os universitarios colaborarán en agosto no desenvolvemento de accións de carácter ambiental, cultural e social en diferentes zonas ou vilas polas que pasa o Camiño de Santiago.
Os 63 estudantes da Universidad Autónoma de Barcelona, de Sevilla e de Salamanca xa están colaborando actualmente nas accións ambientais nos concellos de Vedra, Arzúa e no Psiquiátrico de Conxo aquí en Compostela durante catro días para despois partir cara aos seus lugares de orixe. Ademais, durante a súa estancia en Compostela teñen organizadas diversas actividades de tempo libre que fomentarán o coñecemento da cidade e as interrelacións entre os voluntarios de todas as universidades participantes.
Saíu do Cebreiro o segundo grupo que está formado por estudantes das universidades de Valladolid, Extremadura e Cantabria para comezar dende alí o Camiño Francés que realizarán, igual que o grupo anterior, en seis etapas: Cebreiro-Triacastela, Triacastela-Sarria, Sarria-Portomarín, Portomarín-Palas, Palas-Arzúa e Arzúa-Santiago. Unha vez chegados a Santiago, xa na tarde do día 15, recibirán a formación para poder iniciar as súas colaboracións ata o día 20 en accións ambientais nos mesmos concellos.
Estas accións se repetirán na terceira e derradeira quenda do 15 ao 27 do presente mes de universitarios que participan nesta iniciativa promovida pola Dirección Xeral de Voluntariado e a Universidade de Santiago de Compostela. Este grupo está formado por 69 estudantes das universidades de Murcia, Pablo de Olavide (Sevilla) e Politécnica de Cataluña.
As accións sociais a desenvolver polos voluntarios consistirán basicamente na rehabilitación e limpeza de vivendas de persoas maiores que viven soas, sobre todo saneamentos sinxelos como pintar as fachadas das casas ou os interiores, ou arranxo de galiñeiros ou cortellos. Xa con carácter cultural os grupos traballarán no desenvolvemento de todas aquelas actividades vinculadas á recuperación de enclaves de carácter histórico, como poden ser as intervencións nas rutas de muíños de auga típicos de determinadas zonas de Galicia, como as que se atopan no Concello de Vedra.
No eido ambiental, os voluntarios desenvolverán accións relacionadas coa rexeneración de zonas de interese, con especial atención á limpeza de sendeiros e beiras de ríos co obxecto de facilitar os accesos a zonas de interese ou de descanso aos veciños da zona, así como ao acondicionamento do contorno de fontes, molinos, pontes ou de pequenas capelas abandoadas. En concreto, actuarase especialmente na fervenza de Portodemouro e o contorno da Fonte Santa, no concello de Arzúa, e nas rutas de San Xoán de Cova e dos muíños, no de Vedra. Tamén faranse intervencións en Compostela, na finca do Hospital Psiquiátrico de Conxo continuando así coas actividades de rexeneración ambiental que os voluntarios levan desenvolvendo dende hai oito anos coa colaboración dos propios internos.
A alta e comprometida implicación dos universitarios no voluntariado ambiental contra a marea negra o pasado ano levou á Oficina de Voluntariado da USC a organizar esta iniciativa enmarcada no XACOVOL e patrocinada pola Dirección Xeral de Voluntariado e o Grupo Santander Central Hispano. Ata o momento, as valoracións que se teñen feito entre os participantes son altamente positivas, tanto polo que é a propia experiencia de facer o Camiño como as colaboracións iniciadas nos distintos enclaves municipais.
A Vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais, Mª Elena Vázquez Cendón, considera que a resposta dos universitarios, responsables dos Concellos e das entidades colaboradoras supera os obxectivos iniciais de conectar os universitarios co compromiso social e medioambiental, salientando unha vez máis o valor da solidariedade que non se mide pola cantidade senón pola implicación e xenerosidade das persoas involucradas. Con este programa trátase, dende a USC, de consolidar tamén o voluntariado durante o verán unindo as actividades de lecer e solidarias.

Gabinete de Comunicación USC