Skip to main content

Se o Decreto 247/95 se continúa a incumprir, convocarase un paro estudiantil de varios días no comezo do curso

A Mesa ten xa coñecemento de varios centros de ensino que poderían comezar o curso incumprindo, polo cal sería de agardar que a Inspección Educativa tamén estivese a observar isto e non actuase coa neglixencia e a nugalla a que nos ten habituados.
Se o Goberno e a Inspección Educativa non reaxen para que este curso escolar se cumpra plenamente o Decreto, tanto nos libros de texto como na lingua da docencia, A Mesa, xunto con Mocidade pola Normalización Lingüística, Galiza Nova e CAE, promoverá un paro estudantil de varios días no ensino non universitario.
Hai que recordar que no curso anterior, o Decreto incumpriuse nun 75% dos centros e, só no referido ao material pedagóxico, un de cada tres institutos vulneraba o ditaminado pola Xunta de Galiza no ano 1995.
A Mesa decidiu o ano pasado denunciar os inspectores e inspectoras de educación por neglixencia. Tras esta denuncia, os servizos da inspección comezaron a cumprir timidamente coa súa obriga de velar polo decreto motivo da denuncia (por vez primeira desde que esta norma foi promulgada), visitando os centros de ensino e pedindo informes sobre a situación.

Ademais da vía xudicial, A Mesa promoveu unha mobilización social de alumnos e alumnas de secundaria, convocada conxuntamente coas organizacións xuvenís anteditas. Máis dun 85% dos estudantes pararon os institutos o día 28 de Abril, demandando civicamente o cumprimento da lexislación vixente a respeito do idioma galego no ensino.
Ese día, as organizacións convocantes do paro anunciaron que lle daban de prazo á Consellaría de Educación até o 3 de Maio para que efectivizase o cumprimento do Decreto 247 para o próximo curso escolar ou, do contrario, convocaríase unha nova mobilización estudantil para a semana das Letras Galegas. Como resposta a este ultimato, as inspeccións educativas provinciais enviaron unha carta aos centros de ensino, datada o mesmo día 3 de Maio, na cal demandaban que o profesorado implicado polo Decreto 247/95, os xefes e xefas dos Departamentos e os directores/as asumisen por escrito o seu compromiso de cumprir con esta norma legal.
Ante eses movementos da Administración, decidimos dar un tempo prudencial para observar cal é o traballo que realmente vai realizar a Xunta de Galiza. Nestes días poderemos comprobar xa se esta carta foi realizada para que a Inspección escude a súa neglixencia e evada a súa responsabilidade ou se, polo contario, significou un adianto no cumprimento das leis e na galeguización do ensino. Por iso, A Mesa espera que os casos de centros que teñen listaxes con libros de texto ilegais se corrixan inmediatamente.
A Mesa pola Normalización Lingüística