Skip to main content

O IV Circuíto Galego da Maxia espalla preto de 100 espectáculos polos concellos

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, e o presidente da Asociación de Magos Profesionais de Galicia, o Mago Antón presentaron na sede da Asociación o 4º Circuíto Galego da Maxia Nadal Máxico 09 que concentra a maioría dos seus espectáculos no mes de decembro. Coincidindo coa proximidade do Nadal, a Consellería de Cultura e Turismo e a Asociación de Magos Profesionais de Galicia poñen en marcha unha nova cita co ilusionismo, no que 23 ilusionistas desenvolverán un total de 98 espectáculos en 42 vilas para que acheguen as súas maxias ao público familiar.

O programa conta cun orzamento de 200.000 € e as actuacións son cofinanciadas entre a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e os concellos nos que se celebran as actuacións. Espectáculos unipersoais de máis de unha hora de duración con aparicións, transformacións, adiviñacións, levitacións, escapismos ou mesmo maxias de preto serán as protagonistas de un Nadal cheo de grandes sorpresas, risas, emocións e moito misterio. O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura afirmou que os tempos que corren para a maxia galega responden a unha oportunidade de “gañar solidez a través da unión, de xestionar apoios con vocación de amplitude e de proxectarse como referencias de calidade”.

Do mesmo xeito, Francisco López agradeceu “a gran proxección da maxia que está a realizar a Asociación de Magos Profesionais e as dimensións que están acadando como colectivo”. Respecto ao programa “Nadal Máxico 09”, o director xeral valorou a iniciativa “concibida para que as familias, a través dos ollos dos nenos, acudan á transformación e á subversión da realidade” xa que achéganos unha invitación para “descubrir novas posibilidades e novos mundos dentro do que vivimos”.

Ampla participación

Nesta ocasión os 23 magos encargados de cautivar ao público son Cayetano Lledó, Martín Camiña, Dani García, Mago Romarís, Luís Boyano, Mago Norberto, Mago Benxamín, Javier Muro, Mago Pablo, Mago Vituco&Jessica, Mago Rafa, José Rivera, Román García, Mago Gusi, Mago Xacobe Sanz, Symbiosis, Cyrille Sinclair, Mago Richard, Mago Marttyn, Magomimo Anyo, Mago Cali, Mago Teto e Chrystyan Magic.

O circuíto, cun programa de actuacións moi amplo, visitará os concellos de Allariz, Arbo, Baiona, Baños de Molgas, Barbadás, Betanzos, Boveda, Bueu, Burela, Cabana de Bergantiños, Castro de Rei, Celanova, Chantada, Cervo, Culleredo, Fene, Láncara, Meaño, Marín, Melide, Monforte de Lemos, Mugardos, Negreira, O Pino, O Porriño, Padrón, Pontedeume, Pontevedra, Portas, Quiroga, Ribadumia, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Sarria, Sober, Tomiño, Verín, Vilaboa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Xinzo de Limia e Xove.

A Promoción da maxia como ben cultural

A Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, quere con esta iniciativa dinamizar o mundo da maxia para o que colabora coa Asociación de Magos Profesionais de Galicia. Esta entidade, integrada por máis dunha vintena de ilusionistas que desenvolven a súa actividade no noso país, foi fundada en 2006 para facerse un oco propio no eido das artes escénicas.

Entre os obxectivos da MPG figuran promover e difundir esta disciplina, potenciando os seus espectáculos de forma cuantitativa e cualitativa, conseguir unha maior proxección pública mediante a colaboración con organismos públicos e entidades privadas, así como normalizar o uso do galego no mundo da maxia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia