Skip to main content

A Xunta en Lugo acolle a exposición do Certame de Arte José Domínguez Guizán

O Edificio Multiusos da Xunta de Galicia acolleu a reunión do xurado do XX Certame de Arte José Domínguez Guizán, coincidindo coa inauguración neste espazo da exposición que amosa as 27 obras presentadas ao concurso.

O xurado decidiu outorgar o primeiro premio –dotado con 1.500 euros e unha estatuíña de Sargadelos- á obra “Casa Román”, da pintora de Vigo Fernanda Fernández Suárez, unha pintura hiperrealista na que apreciaron “o excelente emprego da técnica” e o orixinal tratamento do tema arquitectónico que aborda.

Os accésits foron para Francisco Maceira Rodríguez, de Ferrol, pola súa obra “Prado”, e Víctor Manuel Rodríguez Saavedra, de Narón, polo cadro “La gran cena”.

O xurado estivo composto por María Quiroga Figueroa, en representación do Museo Provincial de Lugo, e os pintores Manuel Gulín Rodríguez e Gonzalo Sánchez Folgueira.

Na inauguración participaron ademais o xefe territorial de Cultura, Xosé Carlos Rodríguez Andina; o alcalde de Begonte, José Antonio Vázquez García; a directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro, e directivos do Belén de Begonte, actividade á que está ligada este certame artístico.

A mostra coa totalidade das obras permanecerá exposta na sala de exposicións do edificio da Xunta ata o vindeiro día 29 de xaneiro. A entrega de premios terá lugar no centro cultural de Begonte o vindeiro día 30, coincidindo coa clausura do Belén.
X.X.