Skip to main content

10 de setembro, pola Soberanía Alimentaria

O Sindicato Labrego Galego, hai anos que ven denunciando as nefastas consecuencias que para a agricultura labrega e a alimentación están tendo as modificacións das políticas agrarias promovidas como consecuencia dos acordos que se van acadando na organización mundial do comercio (OMC).
Esta análise que é compartida por outras moitas organizacións labregas en todo o mundo, levounos a valorar a necesidade de xuntar esforzos e conxuntamente decidimos constituir a Vía Campesina como o instrumento necesario para tentar impedir que os estados que forman parte da Organización Mundial do Comercio, o español entre eles, sigan avanzando no proceso de desmantelamento das políticas agrarias e alimentarias deixando as decisións nesta materia nas mans das corporacións agro-químio-farmaceuticas e da distribución.
Frente a esta posición dos gobernos, a Vía Campesina defende o dereito da Soberanía alimentaria como o dereito dos pobos a decidir as políticas agrarias e alimentarias que precisan para alimentarse a si mesmos.
Por esta razón dentro das accións de Vía Campesina para acadar a Soberanía Alimentaria está a loita para que a OMC saia da agricultura e da alimentación. Neste senso compre destacar as mobilizacións que a Vía Campesina ven organizando con ocasión dos encontros da Organización Mundial do Comercio. Na última mobilización celebrada en Cancún en setembro do 2003, un dirixente labrego coreano, Lee Kyong, sacrificouse cunha navalla suíza e portando un cartaz que decía a OMC mata labregos. A partires dese momento as negociacións quedaron rotas e o encontro da OMC en Cancún foi un rotundo fracaso. As organizacións que formamos parte da Vía Campesina decidimos en memoria de Lee, declarar o 10 de setembro como o Día Mundial da Soberanía Alimentaria e, este 10 de setembro, un ano despois de Cancún, en todo o mundo se celebrarán actos pola Soberanía Alimentaria e en contra da OMC.
Neste marco, o Sindicato Labrego Galego, ten previsto celebrar o día 9 de setembro un encontro con diferentes organizacións sociais, sindicais e políticas para intercambiar opinións sobre a cuestión da Soberanía Alimentaria. Tamén dentro deste mesmo contexto, o SLG entrevístase 10 de setembro co Delegado do Goberno en Galicia para transmitirlle as propostas que o SLG quere trasladar ao goberno do estado en materia de Soberanía Alimentaria e ante a OMC.
Sindicato Labrego Galego