Skip to main content

Martín Fores gaña o concurso de carteis da XXXII Semana de Cine de Lugo

O valencián Martín Fores Sanz é o gañador do Concurso convocado polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá para elixir o cartel anunciador da XXXII Semana Internacional de cine de Autor de Lugo. O premio está dotado con 1.000€ e unha estatuíña de Sargadelos.

Ó Certame concorreron un total de sesenta carteis recibidos de Navarra, Tarragona, Madrid, León, Jaén, Cáceres, Lleida, Ourense, Sevilla, Zaragoza, Barcelona, Cuenca, Valencia e Lugo. Á selección final chegaron cinco deseños procedentes de Lleida, Zaragoza, Astorga, Ourense e Valencia, sendo elixido este último.

A convocatoria do certame efectuose exclusivamente por Internet, a través da plataforma www.galiciadigital.com e das páxinas www.semanadecine.delugo.info e www.fonmiña.es

O Xurado estivo formado por representantes das institucións patrocinadoras e colaboradoras, e membros de Fonmiñá: Concello de Lugo (Nuria Mundiña, Concelleira de Cultura), Deputación Provincial-Vicepresidencia 1ª (Aurelia Balseiro, Directora do Museo Provincial), Xunta de Galicia e Xacobeo (X. Carlos Rodríguez Andina, Xefe Territorial de Cultura e Turismo), Universidade-Campus de Lugo (Paloma Lugilde), Caixa Galicia (Sinesio Díez), e por Fonmiñá, Carlos Rodríguez Arias (Vocal de video), Eduardo Rodríguez Ochoa (Vocal de Fotografía), Manuel Curiel (Director da Semana de Cine) e Xulio Xiz (Presidente do Grupo Fotocinematográfico).

Coa totalidade dos carteis presentados hase efectuar unha exposición, coincidindo coa celebración da Semana de Cine.

A entrega de premios terá lugar no decurso da xornada inaugural da XXXII Semana de Cine, o 27 de setembro de 2010.

Fotografías: Carlos Rodríguez Arias.
Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá